O Barbanza, Ferrolterra e Val Miñor demandan un transporte público “digno"

Concentración en Ribeira por un transporte público digno. (Foto Nós Diario)

As usuarias exixen á Consellaría solucións á situación das liñas de transporte público

Separadas por centos de quilómetros pero unidas por un mesmo problema. As comarcas de Ferrolterra, O Barbanza e o Val Miñor saíron ás rúas na mañá deste domingo para demandar un “transporte digno” movidos polos mesmos motivos: xente que fica sen prazas, falta de frecuencias, autobuses que non pasan, incumprimento de horarios, autobuses non adaptados para a mobilidade reducida, horarios non acordes coas necesidades escolares e laborais... Unha longa listaxe á que suman, “como non”, a problemática que existe coas conexións ferroviarias galegas.

Uns problemas que, din, se intensificaron desde que a Xunta da Galiza asinou a adxudicación do transporte público ás UTEs que actualmente levan o transporte público na Galiza. “Os obxectivos do Plan de transporte público da Galiza non se están a cumprir e levamos tres anos a padecer un servizo de transporte público deficiente e neglixente”, denuncian.

Unha adxudicación que, segundo adiantou en exclusiva Nós Diario, foi “adulterada” por Monbus. O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) afirmou, nun procedemento do 16 de novembro ao que tivo acceso este xornal, que "vista a evidente posición de poder de Monbus nalgunhas das UTE [Unións Temporais de Empresas] adxudicatarias", entende que "desde unha perspectiva global está probado que tal grupo concorreu aos diferentes lotes coa finalidade de adulterar o procedemento de licitación no seu proveito e que esta finalidade está proscrita polo ordenamento xurídico".

Transporte deficiente e neglixente

Convocadas por cadansúa Plataforma Transporte Público Digno, integradas por usuarias afectadas e representantes de Anpas e outros colectivos, as manifestantes buscan “solucións ante o deficiente e neglixente servizo de transporte público” das bisbarras.

Concentración en Ferrol este domingo por un transporte público accesíbel. (Foto: Nós Diario)

As plataformas buscan instar a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta da Galiza, como máxima responsábel neste eido, a que amose a súa “capacidade de xestión e compromiso coa cidadanía”.

Igualmente, as usuarias e os usuarios demandan que departamento que dirixe Ethel Vázquez exixe ás empresas adxudicatarias que cumpran “coa súa obriga e ofrezan un servizo de transporte público digno e de calidade, paliando as múltiples deficiencias” que enumeran.

Fisterra, Teo e Vite

As problemáticas que denunciaron este domingo as usuarias en Ferrol, Ribeira e o Val Miñor non son alleas ao resto do país. De feito, na comarca de Fisterra a comunidade escolar concentrarase esta segunda feira, 27 de novembro, contra a masificación do transporte escolar.

Da mesma maneira, na comarca de Compostela, Anpas da Ramallosa (Teo) e de Vite (Santiago) denunciaron esta semana incumprimentos nos horarios do transpore escolar, o que provoca que as estudantes cheguen tarde ás aulas ou que o percorrido se faga “a excesiva velocidade”.