Nove anos despois do accidente ferroviario de Angrois, comeza o xuízo en Compostela

Imaxe de arquivo do Alvia accidentado en Angrois. (Foto: Europa Press)
O maquinista e o exdirector de seguridade de Adif están acusados de cometer 80 presuntos delitos de homicidio, 145 de lesións e un de danos, por imprudencia profesional grave.

Esta cuarta feira, 5 de outubro, arrinca o xuízo polo accidente ferroviario máis grave da Galiza, o do tren Alvia, que hai nove anos provocou 80 mortes e 145 persoas feridas en Angrois (Santiago de Compostela).

Case unha década despois do ocorrido sentarán no banco dos acusados o maquinista, Francisco Garzón,  e o ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, aos que a xustiza imputa 80 presuntos delitos de homicidio, 145 de lesións e un de danos, por imprudencia profesional grave.

Para iso, e tendo en conta o elevado número de partes implicadas, a Administración habilitou un amplo dispositivo na Cidade da Cultura, co obxectivo de favorecer tanto a presenza das persoas interesadas como a cobertura informativa.

Condena de prisión e inhabilitación

A Fiscalía pide para ambos os acusados catro anos de prisión, da mesma forma que a Plataforma Víctimas Alvia 04155, que representa a maior parte das vítimas do accidente.

Ademais, o Ministerio Público demanda que o maquinista sexa inhabilitado para a súa profesión durante o tempo da condena e que o outro acusado sexa inhabilitado, durante o mesmo período, para o exercicio de calquera profesión que implique xestión, seguridade ou responsabilidade en infraestruturas ferroviarias.

A reclamación total por danos e prexuízos en materia de responsabilidade civil ascende a uns 57,69 millóns de euros. As persoas e entidades contra as que se dirixe a acción civil dentro do proceso penal son QBE (aseguradora de Renfe), Allianz Global Corporate & Speciality (aseguradora de Adif), Renfe e Adif, o maquinista do tren e o director de seguridade na circulación de Adif no momento dos feitos.

Defensa dos acusados

Pola súa parte, o avogado que defende Francisco Garzón solicita a libre absolución, ao entender que "a clave" para que se producise o sinistro está na "carencia dunha análise de risco e medidas de seguridade" na liña entre Ourense e Santiago.

Garzón estivo de baixa por accidente laboral desde que se produciu a traxedia, o 24 de xullo de 2013, até 2015, cando se reincorporou a Renfe en tarefas de xestión en talleres de material rodante. Prexubilouse recentemente.

Tamén rexeita responsabilidades a defensa do outro acusado, Andrés Cortabitarte, que estaba á fronte da Dirección de Seguridade na Circulación de Adif cando se puxo en servizo a liña (estívoo de 2006 a 2013).

Despois, Cortabitarte foi recolocado pola empresa pública, pero mantívose en postos de dirección até maio de 2021, cando presentou a súa renuncia e pasou a ter a categoría de técnico especialista, coa que accedeu á súa praza.

Inxerencias de Ana Pastor

Precisamente esta semana Nós Diario informaba da denuncia que a plataforma das vítimas do accidente realizou sobre a ex ministra española de fomento Ana Pastor, acusándoa de facer presión en Bruxelas para que non trascendese o informe da Axencia Ferroviaria Europea (elaborado en 2016) que mantiña unha postura crítica coa investigación do Alvia. Así o recolle unha carta dirixida persoalmente por Ana Pastor a Violeta Bulc, con data de 26 de maio de 2016, segundo revelou esta sexta feira, 30 de setembro, Praza.gal.