Tres anos en defensa dos medios públicos

Membros do colectivo Defende a Galega (Foto: Nós Diario).

No terceiro aniversario dos "Venres Negros", o colectivo Defende a Galega afirma que a única mudanza significativa foi "a conciencia dunha cidadanía cada vez máis comprometida".

Hoxe un nutrido grupo de traballadoras e traballadores da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) acode ao seu posto vestindo prendas de cor negra. A estampa non resulta novidosa para a sociedade galega; véñeno facendo os últimos tres anos. O motivo? Amosar o seu loito "pola liberdade e a pluralidade informativa" que, afirman, perden peso nos medios públicos por mor da "censura".

As mobilizacións principiaron nunha sexta feira como hoxe de 2018, apenas un mes despois de facer o propio as e os profesionais de Radio e Televisión Española (RTVE). Doce semanas duraron inicialmente as protestas na canle estatal; 157 —e sumando— no caso galego.

Lonxe de mellorar a situación, Defende a Galega advirte a este xornal do agravamento das cuestións que veñen denunciando nestes tres anos. "Só mudou unha cousa, mais moi importante, que é a conciencia da cidadanía, cada vez máis comprometida, e se algo molesta ao poder non é a mobilización interna, senón o berro na rúa", apuntan.

Cómpre lembrar que no primeiro ano de reivindicacións Defende a Galega convocou unha multitudinaria manifestación en Compostela, unha folga de 24 horas e unha xornada de paro parcial que contaron cun considerábel apoio social. E en 2019 o colectivo foi galardoado co Premio José Couso de Liberdade de Prensa, un acto excluído do telexornal.

Durante este tempo, cada "Venres Negro" as e os traballadores denunciaron a ausencia dun Consello de Informativos "que dea a coñecer os casos de censura e manipulación", a perda de calidade das retransmisións, o fechamento de delegacións ou a supresión das desconexións informativas locais. "Canto menos persoal e menos presenza no territorio ten, menos se coñece a realidade do país", salientan.

En xuño de 2018 dimitiron dos seus cargos Beatriz 'Tati' Moyano e Alfonso Hermida, até entón presentadores do Telexornal Serán, por "discrepancias coa liña informativa". A CRTVG abriu un expediente sancionador a Moyano —finalmente arquivado— logo de apoiar os "Venres Negros" nunha gala pola investigación do cancro á que asistira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. A corporación afirmou que o fixera por "ter utilizado os servizos de peiteado e maquillaxe (da CRTVG)" nunha data, a citada, que pedira como de "asuntos propios", mais as forzas sindicais denunciaran que se tratara de "represalias", como no caso de Marga Pazos, relegada de redactora a locutora por apoiar a causa, segundo denunciara o colectivo.

Renovación do Consello

Esta mesma semana a Xunta de Portavoces do Parlamento acordou iniciar o proceso de renovación do Consello de Administración da CRTVG, para o que se precisa unha maioría de dous terzos en primeira votación ou tres quintos en segunda, polo que o PP precisará o apoio de BNG ou PSOE. Previsibelmente, os populares elixirán de novo catro cargos; nacionalistas e socialistas, un por bancada.

En resposta a preguntas de Nós Diario, a CRTVG elude emitir "xuízos de valor" sobre o colectivo de traballadoras e traballadores ou a mudanza no Consello de Administración. "As relacións dos conselleiros actuais ou futuros coa parte social ou cos empregados están enmarcadas na independencia do desenvolvemento da súa actividade", di.

Defende a Galega cre que ter voz neste proceso "non valería de moito", mais non realiza tal demanda: "Só pedimos que se cumpra a lei".

O director xeral da CRTVG, inamovíbel

A elección dos seis novos conselleiros da CRTVG non inclúe a renovación da dirección xeral, que ocupa Alfonso Sánchez Izquierdo desde 2009. Desde Defende a Galega continúan a pedir o seu cesamento para cumprir co estipulado na Lei de Medios, que tamén recolle que o mandato se prolongará "en funcións" até o nomeamento dun sucesor. O PP leva anos escudándose nesta cuestión e afirma que aínda non se renovou por "falta de acordo" coa oposición. "O peor é que nin sequera propoñen un candidato. Se din que non manipulan, por que non acordan esta renovación?", cuestionan.