A representación legal do persoal da CRTVG urxe ao Parlamento galego a “asumir xa” a responsabilidade que a Lei lle encomenda ao Pleno do Parlamento con respecto aos medios públicos de Galiza, e “acordar polo consenso suficiente a renovación do Director Xeral da Corporación, que ten prorrogado o seu mandato desde novembro de 2015 pola falta de acordo para nomear unha persoa substituta”.
O Comité Intercentros considera que Sánchez Izquierdo “non está xa capacitado” para continuar dirixindo o rumbo da CRTVG e acúsao “de amparar decisións erráticas e erróneas que están a comprometer para sempre o futuro dos medios de comunicación públicos da Galiza”.
O comité lembra que o pasado 29 de xaneiro solicitaba o cesamento da directora da Área de Soporte Tecnolóxico e Medios da Corporación, Sara González Otero, ao considerala responsábel da “constante deterioración das emisións que poñen en cuestión a encomenda de servizo público dos medios de comunicación públicos de Galiza”.
Segundo denunciaba a representación legal do persoal da CRTVG, dese departamento técnico “estanse a adoptar decisións que inflúen na calidade da prestación que ofrece o medio e que fan dificilmente xustificábel o recente investimento en renovación tecnolóxica acometido pola CRTVG”.
O Intercentros consideraba “inaceptábel a calidade das retransmisións, especialmente as deportivas, que se están a efectuar a través dun modelo tecnolóxico inadecuado por vontade técnica”, o que lle ocasiona “serios problemas no traballo a todo o persoal implicado” e “protestas da audiencia e doutros medios de comunicación interesados no sinal da TVG”, co consecuente “desprestixio corporativo”.
Tres meses despois desa petición, “lonxe de conseguir o cesamento da directiva á que o Comité considera responsábel desta grave deriva”, o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, fixo públicos unha serie de cambios na estrutura organizativa de alta dirección onde non se contempla a petición que realizou e razoou o Comité Intercentros en xaneiro.