Un ano da crise dos pellets na Galiza: a contaminación por microplásticos segue a ser "un desafío urxente"
Hai xusto un ano, o 13 de decembro de 2023, a Xunta da Galiza soubo da chegada de pellets ás costas galegas a través dunha chamada do 112 a Salvamento Marítimo, informando de que un particular encontrara un saco destes residuos plásticos nunha praia. Foi segundo entidades ecoloxistas "un desastre ambiental de gran magnitude".
O cargueiro Toconao derramarau 26 toneladas de pellets, pequenos gránulos que formaron unha marea branca no litoral galego e cántabro. Este incidente non só danou gravemente o ecosistema mariño, senón que tamén puxo en risco o sector pesqueiro e marisqueiro, ao afectar a biodiversidade e os recursos marítimos.
A vertedura evidenciou a necesidade urxente de reforzar as medidas de prevención para evitar futuros desastres deste tipo, sinala un ano despois Ecoloxistas en Acción nun comunicado dirixido aos medios, que advirte dunha contaminación persistente en zonas como Tarragona, onde xunto a outras organizacións ambientalistas chama a adoptar normativas máis ambiciosas para previr futuros accidentes.
Malia que as organizacións pesqueiras, marisqueiras e ecoloxistas celebran os recentes avances na regulación europea para previr a perda de pellets plásticos, aseguran que a normativa actual presenta importantes carencias. O transporte marítimo, protagonista en incidentes como o do Toconao, podería ficar fóra do seu alcance. "Isto sería un erro crucial, xa que reforzar a seguridade no transporte, con embalaxes máis resistentes e medidas de estibado adecuadas, é esencial para evitar futuras verteduras ao mar", afirman.
Ademais, a contaminación crónica en zonas industriais que constitúen gran parte das perdas destas partículas plásticas anuais, como ocorre en Tarragona, evidencia a falta de controis efectivos. Como consecuencia, miles de pellets plásticos terminan anualmente no mar, afectando gravemente a fauna mariña e as comunidades costeiras. "Para abordar este problema, é imprescindíbel que todas as empresas e instalacións que manipulan estes materiais implementen plans obrigatorios de prevención, contención e limpeza ante posíbeis fugas", engade o comunicado.
Nas súas demandas tamén figura a creación dun sistema de certificación independente que supervise o cumprimento destas medidas. "Sen auditorías rigorosas e un protocolo claro de notificación e restauración en caso de incidentes, a responsabilidade polos danos queda nun limbo que prexudica tanto aos ecosistemas como ás comunidades humanas que dependen dun mar saudábel", afirman.
Controis máis estritos
As organizacións insisten en que a situación actual esixe actuacións máis decididas. "Tanto na Galiza como no Mediterráneo, as verteduras de pellets plásticos ameazan a biodiversidade, as cadeas alimenticias e os modos de vida tradicionais dos pescadores e comunidades costeiras. Non podemos permitir que estes materiais sigan escapando ao mar".
Piden ás autoridades un esforzo maior, a comezar no Consello de ministros de Medio Ambiente da Unión Europea que terá lugar a próxima semana. Entidades ecoloxistas e pesqueiras fan un chamamento para que reforcen as medidas de prevención e seguridade e estabelezan controis estritos que garantan unha contorna máis segura para os océanos. "Un ano despois do desastre do Toconao protexer o futuro das nosas costas e mares debe ser unha prioridade inaprazábel", conclúen.