Altri, Ence ou os pellets, 'Bandeiras Negras' de Ecoloxistas en Acción en 2024
Ecoloxistas en Acción presentou esta cuarta feira o seu informe Bandeiras Negras 2024, onde saca á luz os casos máis significativos de contaminación e mala xestión ambiental no litoral e, como cada ano, outorgou seis Bandeiras Negras na Galiza. Nesta edición faise especial fincapé nos problemas provocados pola industria, como as macrocelulosas, e polo transporte de produtos plásticos, explotacións mineiras, metalurxia e tratamento de residuos, que son "os principais causantes da degración das rías galegas, polo desleixo da Xunta para facer cumprir a lei ambiental", censuran.
Así, na provincia de Pontevedra outorgouse Bandeira Negra por contaminación ao Concello de Cangas e á UTE Xestión Cangas, "polas continuas verteduras á ría de Aldán e a deficiente xestión de augas pluviais e fecais". Igualmente, dáse Bandeira Negra ao Goberno galego por mala xestión, por "promover industria contaminante, Altri e Ence, que afecta as rías de Arousa e Pontevedra".
No caso da provincia da Coruña, ten Bandeira Negra por contaminación o centro de tratamento de residuos de Sogarisa polos "continuos" episodios contaminantes "procedentes das súas instalacións", mentres que se denuncia por mala xestión a Cámara Oficial Mineira da Galiza, pola vertedura de metais pesados procedentes de explotacións mineiras, como as minas de Touro, San Finx ou Landoi.
E na de Lugo, leva a Bandeira Negra por contaminación Alcoa, pola balsa de lodos vermellos en Xove, cuxa ampliación foi aprobada, e por mala xestión prémiase a Xunta "pola súa posición ante o desastre ambiental provocado pola vertedura de pellets plásticos", xa que, "a pesar de ser coñecedora, non actuou para retirar os sacos de pellets antes de que rompesen e esparexese o seu contido".