Medio Ambiente insta o Estado a pedir responsabilidades pola 'marea de pellets'

Ángeles Vázquez cifra en "2,4 millóns" os gastos da recollida de bólas.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no Parlamento. (Foto: Xunta da Galiza / Europa Press)
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no Parlamento. (Foto: Xunta da Galiza / Europa Press) 03/12/2024

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, avanzou esta quinta feira que o Executivo galego traballa nun recurso de alzada para pedirlle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) que exixa responsabilidades pola retirada dos pellets que chegaron aos areais galegos.

Este mesmo anuncio realizouno Vázquez en marzo deste ano durante unha rolda de prensa convocada para facer balance do operativo de limpeza de pellets. Agora, cando se vai facer o ano da emisión do informe da Dirección Xeral de Recursos Naturais, Seguridade e Servizos Marítimos de Portugal afirmando que o buque Toconao perdera seis contedores fronte ás costas de Viana do Castelo (Portugal), a conselleira lembrou o acontecido.

A responsábel de Medio Ambiente reiterou que a Xunta da Galiza recibiu o "aviso oficial 25 días despois" e defendeu que o sucedido "demostra" que a Xunta "actuou son serenidade" e con "responsabilidade" fronte ao "inmobilismo total e absoluto" do Goberno central e con "gran irresponsabilidade".

Ángeles Vázquez realizou o anuncio desde a praia de Queiruga, en Porto do Son (O Barbanza), un dos lugares máis afectados no seu momento, e preguntada polos medios de comunicación recoñeceu que segue nos areais "un mínimo de pellets que nada teñen que ver cos do Toconao". 

Por último, informou a conselleira que gardaron os pellets recollidos nas costas galegas e "esperaron durante un tempo" por se a empresa propietaria do buque Toconao os reclamaba, mais "como non foi o caso", remataron por ser trasladados á planta de Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) para "a súa valoración". 

Comentarios