Andrea Cascallar, investigadora: "Talento temos, o que cómpren son apoios para unha carreira científica digna e tranquila"

Cascallar é a primeira muller do Estado en recibir o premio Eusflat. (Foto: Nós Diario).
Andrea Cascallar (Pontevedra, 1993) acaba de ser recoñecida co Premio Eusflat 2022 á mellor tese de Europa polo seu traballo sobre intelixencia artificial aplicada as imprecisións da linguaxe que usan as máquinas. No remate do Día da Ciencia na Galiza, conversamos, ademais, sobre o presente e futuro da carreira investigadora.

—A Sociedade Europea de Lóxica Difusa e Tecnoloxía escolleu a súa tese como a mellor de 2022. Parabéns! Cal foi a súa reacción?
A primeira foi de sorpresa, porque ao tratarse dun premio europeo a competencia é moito maior. Despois sentín unha gran satisfacción por recibir un recoñecemento deste calibre ao traballo que desenvolvín durante catro ano no CiTIUS. O proceso, ás veces, é duro e atravesas moitos momentos de baixón no que tes dúbidas sobre se todo ese esforzo vale a pena. Chegada aquí, creo que si. Pagou a pena.

—O seu traballo de doutoramento ten, ademais, outro mérito engadido: a transferencia dos seus achados á vida real.
Tiña moi claro que quería facer unha tese aplicada, cuxo resultado se puidese trasladar dalgunha maneira á comunidade científica ou á sociedade e contribuír á mellora dalgún aspecto da vida das persoas. Iso foi o que me animou, pero a investigación máis teórica é imprescindíbel. A ciencia básica é a orixe de todo.

—En que ámbitos se están a aplicar xa as dúas descubertas?
A miña investigación foi trasladada a dous proxectos, un no ámbito da meteoroloxía e outro no da saúde cardiovascular. O primeiro, ICA2Text, é un sistema que xera automaticamente descricións en texto a partir dos datos da calidade do aire de Meteogalicia, e que se poden ver na súa web. O segundo integrouse no proxecto Smart Cardia, liderado pola empresa Balidea en colaboración co CHUS, e permite xerar textos en linguaxe natural a partir de datos de pacientes que participan nun programa de rehabilitación cardíaca.

—A linguaxe é un ámbito clave da intelixencia artificial (IA) e é, tamén, a cerna da súa investigación.
O que fixen foi abordar o manexo da imprecisión da linguaxe á hora de xerar textos de linguaxe natural a partir de distintos tipos de datos. Cando dicimos que as temperaturas son altas ou baixas, por exemplo, non ofrecemos unha definición estrita. Cadaquén interpreta esa afirmación de forma subxectiva, pero as máquinas precisan unha definición, requiren de números para poder procesalos. Se lles damos só un par de números fixos, o que vemos é que os textos perden naturalidade, cando o que se busca é que sexan o máis parecidos a como os xeraría unha persoa. E iso é o que facemos: aplicar definicións borrosas para favorecer unha maior similitude dos textos xerados coa forma que temos de falar os humanos.

—A IA xenerativa está a dar moito que falar. Son moitos os éxitos, mais tamén os usos lesivos desta tecnoloxía.
Sempre que xorden cousas tan potentes, novas e cun avance tan áxil, os acertos veñen acompañados de posíbeis malos usos. É moi importante que se nos eduque como sociedade nun contexto de intelixencia artificial ético. A IA nunca debera discriminar nin danar a ninguén e pouco a pouco terá que desenvolverse unha regulación capaz de entender e respondera todos os desafíos.

—Tras doutorarse segue a traballar coa IA na empresa privada. Por que descartou continuar a súa carreira investigadora na pública?
De continuar na pública tería que pasar unha fase de estadías no estranxeiro que non é o que máis me interesaba. Pola contra, o sector privado estalle a dar cada vez máis importancia á I+D+i, así que decidín explorar esta vía. Teñen que mudar moitas cousas na universidade e nas Administracións públicas para garantir unha carreira investigadora estábel e afastada da precariedade que padecemos agora. Desde a época predoutoral encadeamos un contrato tras doutro sen saber se renovaremos. As convocatorias públicas son moi exixentes en termos de financiamento e os salarios moi escasos. Cómpren apoios, non obstáculos para que quen teña vocación poida desenvolver a súa carreira de forma digna e tranquila. Talento científico temos.

Tempo para investigar no sistema sanitario

A secretaria xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, Raquel Yotti, instou onte ás comunidades autónomas a cumprir a Lei de Ciencia, aprobada hai agora un ano, para dotar os profesionais sanitarios de "tempo" para investigar. A aplicación da norma está moi incompleta, dixo, polo que chamou a institucións e equipos directivos a "articular os cambios organizativos" que permitan identificar o tempo que o persoal poderá dedicar a "actividades de investigación e innovación".

A súa incorporación efectiva ao sistema sanitario, concluíu, é unha necesidade que "non só repercute nunha mellora do impacto científico en forma de xeración de coñecemento, senón que ademais, de forma directa e inmediata, mellora a calidade da asistencia sanitaria e o benestar dos profesionais".