Andaina reivindicativa para “defender a Serra do Courel e evitar a instalación dos macro parques eólicos”

Un intre da andaina reivindicativa no Courel. (Foto: Plataforma Eiquí Eólicos Non)
A Plataforma Eiquí Eólicos Non impulsou unha andaina con recital poético para dar a coñecer os lugares máis afectados polos proxectos eólicos en Folgoso do Courel.

O Chao dos Lobos, lugar simbólico onde se vai instalar un muíño de 200 metros de altura, foi o sitio escollido pola Plataforma Eiquí Eólicos Non, para que confluíran as dúas marchas da andaina reivindicativa e recital literario do que gozaron este sábado.

As 150 persoas que responderon o chamamento da plataforma para “defender a Serra do Courel e evitar a instalación dos macroparques eólicos”, dividíronse en dous grupos. Un saíu desde o alto do Couto e outro desde a aldea de Hórreos, no concello de Folgoso do Courel.

Na andaina, indica o comunicado, “participaron veciños e veciñas do Courel e do Bierzo e achegáronse numerosas persoas de diversos lugares da Galiza afectados por outros macroeólicos, como da Plataforma Monfero Di Non, de Cerceda, de Ferrol, de Cerdido ou da Rúa”. 

No percurso do roteiro impulsado pola entidade, que entregou mais de 5.000 alegacións contra os Parques Eólicos de Busmaior e Barxas-, pasaron polas zonas de impacto destes parques eólicos proxectados, cunha “serie de charlas divulgativas sobre os valores económicos, naturais e socioculturais do territorio afectado”, explica a agrupación.

O Chao dos Lobos, no monte comunal de Hórreos, onde se pretende instalar un dos muíños eólicos, está “a poucos metros da recentemente declarada Microrreserva de Orquídeas, un dos espazos protexidos desta comunidade xunto cunha Masa Consolidada de Frondosas Autóctonas de 80 hectáreas”, detalla.

Alí, comezou o recital poético, no que participaron Urbano Arza, Xesús Manuel Marcos, Miguelanxo Lar e Tegra Romeo Veiga.

A plataforma, composta por unha ducia de asociacións, xa anunciou “unha próxima actividade para recuperar o camiño que une Vilafranca e Lugo, entrando á comarca courelá por Visuña, unha das aldeas afectadas polos macroeólicos”, o camiño “tradicional” entre o Bierzo e o Courel.