Social

Ana Núñez, psicóloga: "Hai moitas consultas pola ansiedade que produce a incerteza que vivimos"

Integrantes do grupo de expertas en psicoloxía de crise (COPG).
Ana Núñez Rubines é a coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias que está a colaborar co 112 na atención psicolóxica á cidadanía nesta situación de crise sanitaria pola COVID-19. 

O Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza leva pouco máis dunha semana atendendo ás galegas a través do servizo de emerxencias 112 polo seu convenio coa Xunta. Só hai que chamar e indicar que se quere falar cunha psicóloga ou psicólogo para que lles transfiran a chamada. 

A coordinadora deste grupo, Ana Núñez Rubines, analiza con Nós Diario as demandas que máis se repetiron nestes primeiros días de consultas. E insiste en perder o medo a pedir axuda porque "os problemas nos primeiros momentos pódense atallar mellor". 

 De súpeto o que había antes xa non pode ser, temos que adaptarnos ás novas circunstancias e iso de por si xa implica unha crise

Que cuestións está a consultar a xente que vos chama?

Hai demandas que se repiten porque hai moitas consultas pola ansiedade que produce a incerteza que vivimos agora mesmo. Non saber canto vai durar isto, que vai pasar co meu traballo, como vou facer fronte aos impostos ou pagos que teño se non estou tendo ingresos... Todas estas preocupacións están xurdindo moito nas chamadas. 

Tamén hai moita tristeza e moita angustia. Sobre todo en xente maior, que se sente moi soa. A verdade é que con estas medidas que se adoptaron non podemos nin ir visitar aos noso avós, entón os que vivían sós como que se lles acentúa esa sensación de soidade. Algúns se senten incluso como abandonados pola súa familia. 

Vai ser un proceso longo para chegar a ter a vida que tiñamos antes

A xente que tiña patoloxías de antes, como depresión ou problemas de ansiedade, con nesta situación aumentan tamén o seu malestar. 

E logo están as persoas que piden asesoramento para outros pois porque teñen crianzas na casa e queren saber que poden facer con eles, ou que teñen pais maiores que non viven con eles e queren saber como falarlles. 

Como é a equipa que atende o teléfono? Cantas chamadas estades a recibir?

As que estamos participando neste servizo de atención telefónica somos moitas, mínimo cada día hai dispoñíbeis 13 psicólogas e psicólogos as 24 horas e todos os días da semana. Estes días tivemos unha media de 20 consultas cada un. 

Chama xente nova?

A partir de 20 anos estamos tendo chamadas, si. 

Custa máis que a rapazada queira facer consultas?

Cústalles máis si, pero a verdade é que calquera, se se sinte mal e necesita axuda, que a pida. Xa. Non esperes a que vaia a máis porque os problemas nos primeiros momentos é máis fácil atallalos que cando xa están avanzados.

Hai moitos problemas de insomnio, de xente que non é capaz de durmir. Algo normal pois rompemos todas as rutinas que tiñamos

Por exemplo, hai moitos problemas de insomnio, de xente que non é capaz de durmir. Algo normal pois rompemos todas as rutinas que tiñamos. Algúns teñen agora unha vida desorganizada, pasan todo o día tirados no sofá ou na cama co móbil e o corpo así aprende que a cama non é para durmir. Entón cando chega a hora de durmir o corpo non quere. E simplemente necesita unhas pautas de autocoidado que axuden a volver a coller unhas rutinas máis sas que nos axuden a levalo mellor. 

Require certa vontade da persoa que chama. 

Sí, hai que vencer un pouco a preguiza. Moitas veces recomendamos facer algo de actividade física, iso non quere dicir que te poñas unha tabla de ximnasio rigurosa. Exercicio pode ser camiñar, bailar, subir escaleiras... cousas faciliñas que fagan mover o corpo. O exercicio físico é un protector da saúde mental moi forte e metelo na nosa vida é algo que nos axuda moito. 

Como son esas pautas ademais do exercicio físico?

Aparte de facer exercicio, aliméntate san. Non vaias para cama despois de comer alimentos moi grasos. O estómago é o segundo cerebro emocional, por aí regulamos tamén as emocións, e ten que estar equilibrado para transmitirnos que está ben.

Aínda que tamén temos xente que chama e leva días sen comer pola ansiedade, que está a macelas por exemplo. Isto tampouco está ben. 

Até que punto se pode axudar á xente por teléfono?

Pois cando nos fan caso, eu creo que moito. Moitísimo. Porque incluso nolo devolven: 'estásme axudando un montón', 'xa empezo a sentirme mellor', 'empezo a clarificar que é o que teño que facer para levalo mellor'... É moi diferente á terapia presencial, pérdese moita información ao non ver á persoa. Agora podémonos guiar polo ton da voz, por como modula e incluso pola respiración (se a escoitamos). Temos que agudizar o sentido do oído e fiarnos do que nos din. 

O grupo está preparado para atender ás persoas en catástrofes, isto é unha catástrofe?

Non, eu diría que isto é unha intervención en crise. E digo crise por todo o que engloba porque neste momento todos rachamos coa nosa vida anterior dalgunha maneira. Agora mesmo está totalmente interrompida e temos outra vida que temos que volver organizar. De súpeto o que había antes xa non pode ser, temos que adaptarnos ás novas circunstancias e iso de por si xa implica unha crise. 

E todo cambio, toda crise, toda adaptación implica certo grao de ansiedade, de medo, de angustia... Cando nos enfrontamos a unha situación nova xorden emocións, e esas emocións son adaptativas. Neste momento é normal ter baixóns, medo, ansiedade... porque forma parte da adaptación. 

Ás veces non temos que ver como un enemigo esa ansiedade, senón como algo que nos está acompañando no proceso de adaptación. Cando loitamos contra ela é cando se volve máis negativa. 

Agora que levamos un mes de estado de alarma, é normal sentirse estraña ou culpábel na rúa? 

Ninguén que saia por un motivo xustificado ten que sentirse culpábel. Pero si é certo que falamos con xente á que parou a Policía nunha saída necesaria e ten moita ansiedade cando ten que volver saír. Depende moito da personalidade de cada un. 

Como será a volta a "normalidade"?

Creo que isto vai ser un proceso longo para chegar a ter a vida que tiñamos antes. Hai moita xente que está desexando reunirse cos seus, pero creo que ese sentimento de 'podereime contaxiar aquí?', 'levareino para casa?'. Esa ambivalencia: a felicidade por un lado por saír e a preocupación e o sentimento de culpa por outro. Creo que imos vivir moito tempo nesa ambivalencia. 

E que podemos facer?

Realmente o que podemos facer é protexernos e coidarnos. O resto é agardar que as cousas se vaian solucionando coas medidas de protección, hixiene e distanciamento que estamos adoptando. Polo outro lado temos que coidarnos mantendo as rutinas, descansando, facendo exercicio físico, alimentándonos ben, mantendo o contacto coa nosa rede social e empregando o sentido do humor, que nos axuda un montón.