Profesionais da psicoloxía do Sergas atenden o deber de coidar de quen nos coida

(Europa Press)
Coidar da saúde do persoal sanitario é unha das cuestións prioritarias durante a crise do coronavirus. Non se trata só de protexelo dos contaxios. Sanidade busca a forma de aliviar a sobrecarga emocional derivada do esforzo asistencial, da sobreexposición informativa e do propio desgaste dunha situación excepcional.

"Levo 23 anos traballando como enfermeiro, 13 na UCI, e nunca sentira tanta presión, tanta tensión e tanto estrés. As últimas quendas acabei empapado en suor, esgotado fisicamente e chorando". 

A sensación de desalento que describiu Hugo Babarro, enfermeiro da UCI no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, para Nós Diario, reflicte o sentir diario das profesionais sanitarias máis expostas ao coronavirus. Non só polo feito de estaren en primeira liña, soportando o peso da carga asistencial e do risco de contaxio, tamén pola tensión emocional de saberse responsábeis das persoas enfermas e sabedoras do sufrimento das familias, sen apenas noticias dos seus seres queridos.

Neste contexto de cansazo físico e de estrés emocional xorde a necesidade de impulsar programas específicos de apoio psicolóxico destinado ás profesionais sanitarias das áreas máis afectadas polo coronavirus. Unha demanda que formulou o sindicato de enfermaría Satse, para todo o Estado, e que na Galiza xa conta con diferentes modelos, segundo as necesidades do persoal sanitario e as circunstancias de cada centro hospitalario.

Sobrecarga emocional

"O máis urxente neste momento é coidar das persoas enfermas", responde a Nós Diario Carmen García, secretaria de Satse Galiza, "mais protexer as profesionais da saúde é indispensábel. O estrés non é malo, pero sostido no tempo pode comprometer a capacidade do persoal sanitario de cara ao futuro".

A sobrecarga física e emocional, a impotencia por non poder chegar a todo, a frustración ante o desenlace fatal, a sensación de risco e desamparo ante a falta de equipos de protección suficientes e unha tensión permanente no posto de traballo forman parte do relato habitual das profesionais médicas, de enfermaría, auxiliares e celadoras que integran as áreas hospitalarias masificadas durante a crise do coronavirus.

"Necesitamos reforzar os cadros de traballadoras, descansos máis frecuentes en espazos de alta concentración de esforzo e apoio psicolóxico para todas as profesionais que o requiran", sinala Carmen García. Un coidado fundamental dirixido a quen nos coida e que xa se comezou a coordinar nas diferentes áreas sanitarias da Galiza, coa mediación de profesionais da Psicoloxía do Sergas.

"Non hai uniformidade na maneira de abordar as necesidades do persoal sanitario con respecto á atención psicolóxica ou á sobrecarga emocional, tamén porque as necesidades non son homoxéneas”, explica Víctor Manuel Torrado Oubiña, facultativo especialista en Psicoloxía Clínica no hospital da Coruña e membro da xunta de goberno do Colexio de Psicoloxía da Galiza.

"Na área sanitaria da Coruña, onde máis casos hai e onde a incidencia da pandemia está a ser maior, a necesidade deste servizo viuse axiña e xurdiu a proposta das coordinadoras dos servizos máis masificados: UCI, Urxencias, Reanimación e as denominadas plantas COVID-19, onde ingresan casos sospeitosos ou confirmados de coronavirus".

En cada distrito, o modo de intervención varía. Hainos máis amplos, máis laxos, máis proactivos e hainos que funcionan a demanda, incluso fóra dos horarios habituais de consulta. "Na Coruña tratamos de organizar dúas xuntanzas grupais diarias coincidindo coa entrada e a saída do persoal", detalla Torrado Oubiña. "Tratamos de darlles un soporte emocional a partir de determinados tópicos identificados e das necesidades individuais percibidas", aclara o psicólogo clínico. E para iso non hai receitas. 

"A base de todo soporte pasa por facerlles entender que non se trata de que sufran ningún trastorno mental, senón que están ante unha situación extraordinaria e infrecuente, derivada dunha pandemia rodeada de incertezas, lastrada polo estrés da sobrecarga asistencial, polo desgaste dos contaxios e das baixas, e resultado, tamén, dunha situación de irrealidade provocada por unha sobreexposición informativa".

"A realidade é seria pero o alarmismo é innecesario. Botarse fóra desa existencia distorsionada polos excesos significa coidar de nós mesmos", explica Víctor Manuel Torrado Oubiña, quen anima as profesionais sanitarias a seguir coa súa vida fóra do hospital, "máis aló do traballo extraordinario que fan".

Mais tamén incide en dous tópicos. Dunha banda, o risco cero. "Non existe por moito que nos protexamos. Non vaiamos descoidar aspectos importantes por prestar toda a atención á prevención". E doutra, di, "é importante tolerar certo grao de tensión e non pretender que o traballo sexa como era antes. Hai que contar con dificultades e carestías derivadas desta situación excepcional".