Social

Como enfrontar o que resta de confinamento? Vivir ao día, non perder a relación co exterior e potenciar a creatividade

Cartaz con consellos psicolóxicos (USC).
Os profesores da USC Fernando Vázquez e Emilio Gutiérrez achegan pautas para levar o confinamento, organizar o teletraballo e non perder de vista as relacións interpersoais durante a crise do coronavirus. 

"Poñer o foco no presente, evitar caer na trampa do catastrofismo e alimentar o optimismo". Son os procesos chave para encarar estes días de confinamento por mor da crise sanitaria provocada polo coronavirus a xuízo do profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Fernando Vázquez, quen apunta que debemos "confiar en nós mesmas e na nosa capacidade para superar esta situación". 

O paso dos días coas consecuencias do estado de alarma van pesado e aparecen as dificultades para xestionar emocionalmente o feito de ter que quedar na casa. Para materializar os obxectivos que propón o docente da USC pódese botar man de diferentes estratexias, algunhas delas en virtude das novas tecnoloxías.

Para o profesor Emilio Gutiérrez "fortalecer os vínculos con familiares e amigos por medio de videoconferencias" constitúe un exercicio acaído para encarar estes días. "Temos a oportunidade de realizar unha chea de cousas que normalmente o ritmo da vida normal obríganos a pospoñer como ler novelas, escoitar música, ver películas, xogar cos nosos fillos e fillas ou fortalecer as relacións cos nosos familiares e amigos", engade Fernando Vázquez.

"Tamén é un momento idóneo para realizar novas aprendizaxes e potenciar a creatividade; podemos comezar a aprender un novo idioma, a preparar novos pratos ou a redecorar a casa", explica Vázquez, quen incide en que este pode ser un bo momento para potenciar a reflexión sobre a vida propia e mesmo para deseñar novas metas. 

Teletraballo

Enfrontarse cada día á xornada laboral nun espazo doméstico pode resultar complicado e requirir dunha especial motivación. Neste senso, cada quen debe "atopar o seu ritmo persoal, se as posibilidades de teletraballo llo permiten", explica Emilio Gutiérrez.

Máis alá de intentar iniciar a xornada cunha actitude positiva, a elección do espazo tamén incide en como se desenvolverá a actividade. "É fundamental que seleccionemos un sitio concreto e, na medida do posíbel, que garde unha certa separación do resto da casa, que non se utilice para outras actividades como comer, descansar ou durmir, para poder delimitar o ámbito profesional do persoal", sinala Fernando Vázquez, "e se é posíbel, tamén que sexa un lugar ben iluminado, cómodo e que non conteña elementos distractores".

O cal non quere dicir que non se poda acompañar a xornada con certos elementos que contribúan a obter unha mellor concentración, tales como "música, música e máis música", agrega Gutiérrez. 

Estabelecer horarios de traballo ben definidos, manter unha boa comunicación coas compañeiras e compañeiros, realizar pequenos descansos durante a xornada, así como desconectar cando se rematan as tarefas realizando actividades que nos gusten son outras das pautas recomendadas. 

Familia

Fomentar a comunicación sa cos restantes membros da familia resulta indispensábel para encarar a situación actual de confinamento. "Aos nenos é imposíbel afastalos dos telexornais. Enténdeno perfectamente e é peor falar con claves ou en segredo", argumenta Gutiérrez.

"Manter unha actitude de escoita activa, de estar atentos ao que os outros membros da familia nos din para poder entender ben as mensaxes que nos trasladan e comunicarnos con eles de forma honesta, sincera e respectuosa resulta crucial neste intre", afirma Vázquez.

Nesta liña, tamén é importante estabelecer unha distribución equilibrada das tarefas do fogar, así como uns horarios ben definidos para a súa realización.

Para as persoas que están a vivir este confinamento en solitario "buscar algo que nos atraia e nos enganche" pode ser de grande utilidade, continúa Vázquez. Alén de manter a comunicación a través de videoconferencias, "actividades como ordenar, decorar, realizar arranxos na casa, facer as actividades domésticas ou actualizar o currículo" poden ser de gran axuda. 

Colexio de Psicólogos

O Decanato da Facultade de Psicoloxía, xunto co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, acaba de distribuír unha serie de recomendacións para poder enfrontarse da mellor maneira posíbel ao confinamento. Informarse sempre en fontes solventes, estabelecer rutinas de coidado, lembrar as fortalezas propias e buscar a axuda dun profesional no caso de ser incapaz de xestionar as emocións son algunhas das pautas contempladas no documento.