Ana Miranda exixe ao Estado "romper relacións con Israel" ante o "xenocidio en Palestina"

Rolda de prensa esta cuarta feira de Mar de Lumes con Galiza por Palestina (Foto: Nós Diario).
A eurodeputada do BNG instou ao Goberno español e á Unión Europea a demandar Israel na Corte Penal Institucional ante "o xenocidio en Palestina".

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, exixiu ao Goberno do Estado "romper relacións con Israel" e pediu o "cesamento do fogo permanente, sostíbel e inmediato" en Palestina.

Así o declarou esta cuarta feira, en rolda de prensa en Santiago de Compostela, tras unha reunión coas persoas representantes da Asociación Mar de Lumes, Asociación Galaico Árabe Jenin e Galiza por Palestina.

Desta forma, agradeceu publicamente a solidariedade galega con Palestina xa que, engadiu, as accións realizadas "teñen moita repercusión" en Europa. Por outra parte, trasladou as diferentes iniciativas que recolleron na xuntanza e que trasladará ao Parlamento Europeo.

Miranda instou ao Goberno español e á Unión Europea a demandar Israel na Corte Penal Institucional ante "o xenocidio en Palestina". Tamén pediu o "cesamento do fogo" en Gaza, para que "se deixe de atacar vidas", e "humanidade".

Dimisión de Von der Leyen

A eurodeputada do BNG puntualizou que continuarán demandando a dimisión da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, porque "se está extralimitando dos seus poderes" cunha actitude "só para unha parte".

"Imos volver a reiterar o minuto de silencio no Parlamento Europeo, que aínda non se tivo polas máis de 22.000 vítimas", lamentou.

En quinto lugar, solicitou ás forzas políticas estatais, "como o PP", que "sexan solidarias" co pobo palestino xa que, sinalou, teñen unhas actitudes "moi dubidosas" e nesta cuestión "só hai un branco e un negro".

Protesta en Bruxelas

Así, convidou a 'Galiza por Palestina' a que realice no Parlamento Europeo unha acción de protesta para solicitar ás autoridades europeas a que haxa "o cesamento ao fogo permanente".

O representante da asociación, preguntado polos medios sobre unha posíbel data desa viaxe a Bruxelas, puntualizou que "están a valorar o convite". Por outra parte, avanzaron que "preparan" novas actividades e que "nas próximas semanas" empezarán con esas novas convocatorias solidarias.