Ana Miranda e Camilo Nogueira encabezarán unha conferencia na Eurocámara sobre os efectos do 'Prestige'

Voluntarios retiran o chapapote das praias de Muxía. (Foto: Álvaro Ballesteros)
Representantes sociais, culturais e políticos do país analizarán o impacto do desastre ecolóxico nas costas do país.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o histórico dirixente nacionalista Camilo Nogueira -quen tamén ocupou un escano no Parlamento Europeo entre 1999 e 2004- inaugurarán esta cuarta feira a conferencia '20 anos do accidente do Prestige: análise da seguridade marítima en Europa'.

Vinte anos despois do maior desastre ecolóxico da historia da Galiza, Miranda sinala que “aínda que hoxe teñamos máis medios marítimos e aéreos, de pouco serven se non se usan para evitar os riscos que presentan os buques con bandeira de conveniencia que cada día pasan pola Costa da Morte”, en referencia ao servizo da Axencia de Seguridade Marítima Europea (EMSA) denominado CleanSeaNet (CSN).

Este servizo da EMSA, que comezou a funcionar en 2007, consiste nun sistema por satélite que detecta e vixía vertidos mariños en augas europeas e permite a localización, seguimento e identificación dos buques responsábeis. Segundo denuncia o BNG, o Plan Nacional de Salvamento 2021-24 mostra que en 2019 foron detectados 178 buques sospeitosos de realizar verteduras no mar, “pero desde o propio 2007 non se ofrece información no Estado español dos expedientes sancionadores que se abriron, nin número de sancións administrativas ou penais impostas”.

“Quince anos despois de estar funcionando este servizo non existen estatísticas sobre o número e tipo de vertidos detectados polo sistema CSN, ou os buques identificados, polo que vemos unha total falta de transparencia na información”, denuncia a eurodeputada nacionalista.

Participantes na conferencia

Miranda lembra que, tras o accidente do Prestige, Camilo Nogueira impulsou a creación do Comité Temporal Especial sobre seguridade marítima en Europa tras a Resolución do Parlamento Europeo de 19 de decembre de 2002 relativa ás accións para facer fronte aos efectos do desastre ecolóxico e económico do petroleiro, así como as investigacións sobre as súas causas e as súas consecuencias. Precisamente, o histórico nacionalista abrirá a conferencia xunto coa eurodeputada.

Por parte do EMSA participará Frederic Hebert, Xefe da Unidade de Sustentabilidade do Departamento de Sustentabilidade e Asistencia Técnica da Axencia de Seguridade Marítima Europea. Ademais, por parte da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea intervirá Jacob Terling.

No tocante a outros casos de contaminación mariña en Europa, ademais do ex vicepresidente da Asociación “Merci Erika” de Bretaña, Alain Bonnec, tamén participarám o representante do FNP Partido Frisio dos Países Baixos, Frank de Boer; o Presidente da asociación ZEA de Francia, Jean-Ronan Le Pen; e o presidente da Comisión de Pesca, Pierre Karleskind, vicepresidente de Bretaña no momento de naufraxio do buque Erika.

A conferencia tamén analizará polo miúdo o accidente do Prestige e as súas consecuencias na costa galega. Así, o xornalista Xosé Manuel Pereiro; representantes do movemento Nunca Máis, como Adela Figueroa, Xurxo Souto e o escritor Suso de Toro; representantes do sector pesqueiro e marisqueiro afectados; o fotógrafo Xurxo Lobato, ademais da propia Ana Miranda e Camilo Nogueira, debullarán en Bruxelas os efectos medioambientais, ecolóxicos e xornalísticos da catástrofe do Prestige para o noso país.