CON VÍDEO

Ana Baneira, após ser liberada: "Non son activista, entrei no Irán de paso e quería seguir a miña viaxe como 'mochileira'"

Ana Baneira, entrevistada esta quinta feira na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A coruñesa detida no Irán rememora a súa detención arbitraria: "De súpeto meteuse no coche a Policía, detivéronme, metéronme noutro coche e de aí a unha sala de interrogatorios". Despois de "bastantes horas" de interrogatorio, dixéronlle que "non era suficiente e que había que continuar" e tivo que entrar no cárcere, "e aí empezou". "Non me explican nada, a partir de aí empeza o proceso de interrogatorios e todo o proceso xudicial", afirma.

Ana Baneira, a coruñesa de 25 anos encarcerada no Irán e liberada recentemente, asegura estar "súper feliz" tras o seu regreso á casa, canda a súa familia, na Coruña, agradecida por todo o traballo realizado para a súa liberación e confiada en que tamén se logre a do cidadán español que segue arrestado no país asiático, Santiago Sánchez. Nunha entrevista concedida a Europa Press esta quinta feira, insiste en que non é "activista", como se apuntara nos medios de comunicación após coñecerse a súa detención, no marco das protestas contra o réxime por mor da morte baixo custodia de Masha Amini.

"Entrei o 6 de setembro, non había ningun tipo de protesta nin se vía vir", reitera tras explicar que viaxou ao Irán como 'mochileira'. Fíxoo tras visitar antes Turquía, Xeorxia e Armenia e sen que, inicialmente, estivese programada a visita. "Ao principio da miña viaxe, o obxectivo non era ir ao Irán senón a Acerbaixán", afirma, sobre un país que era "de paso" para ir logo a outro. "Mais estaba fechada a fronteira por terra e decidín baixar ao Irán", do que destaca a hospitalidade da súa xente e ao que recoñece que voltaría "se me prometen que non me van deter".

A respecto da súa detención, que sitúa perto do pasado 12 de outubro, precisa que se produciu tras ir pedir, previamente, un visado á oficina de migración para quedar máis tempo no Irán e cando estaba cun compañeiro iraniano no coche enchendo gasolina sen que, nun primeiro intre, ninguén lle explicase por que a detiñan. "Obrígaste a pensar que te van liberar, pero non sabes cando", sinala, tras o seu paso por dous cárceres.

Regreso á Galiza

Ana Baneira ofrece estas declaracións cun sorriso e relaxada despois de ser liberada o sábado 25 de febreiro e chegar á Galiza a pasada segunda feira, día 27, en concreto ao aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, vía Xenebra, tras saír de Teherán. "Estou contenta de volver, o reencontro foi moi emotivo, unha sorte que puidemos facelo a soas", di, sobre a posibilidade de ver á súa familia sen contacto con outras persoas ou cos medios de comunicación.

Tamén resalta que estes días foron "moi tranquilos", baixo a discreción e privacidade que pediu a familia, con paseos pola praia e comendo o primeiro día "unha tortilla de patacas" da súa nai. Agora o seu obxectivo é facer o Camiño de Santiago "e logo, como toda moza de 25 anos, buscar traballo". Na entrevista Baneira quere, sobre todo, deixar claro que non é activista, malia que si está involucrada en causas vinculadas ao cambio climático e de tipo social. "Non son activista, é irrespectuoso que me chamen activista cando hai activistas de verdade que están a facer un traballo", recalca.

Viaxe como 'mochileira'

Xa sobre a súa viaxe, explica que o iniciou "como 'mochileira' a principios de xuño". "Aterrei en Istambul, estiven dous meses viaxando por Turquía, logo crucei a Xeorxia, estiven máis ou menos un mes, e creo que dúas semanas en Armenia. E logo cara ao Irán". A idea tras o breve paso por este país "era seguir a viaxe como 'mochileira'", reitera, sobre a súa entrada o 6 de setembro. Desde esa data e até a súa detención estivo a viaxar polo país, "sen ningún tipo de problemas" e sen atoparse "ningún tipo de protesta".

Tamén explica que o día anterior á súa detención foi á oficina de migración "para quedar máis tempo porque me estaba encantando o país". "No proceso de petición de visado tiven que facer unha pequena entrevista", relata. Das preguntas que lle fixeron, di que foron "normais". "Preguntan os obxectivos da túa viaxe, en que sitios estiveches..." e engade que, cando rematou a entrevista, trasladáronlle que nos seguintes tres días obtería a extensión do visado por un mes.

De súpeto meteuse no coche a Policía, detivéronme, metéronme noutro coche e de aí a unha sala de interrogatorios

Con todo, ao día seguinte, foi detida. Ía cun amigo iraniano e que foi cando estaban a encher na gasolineira. "De súpeto meteuse no coche a Policía, detivéronme, metéronme noutro coche e de aí a unha sala de interrogatorios". Despois de "bastantes horas" de interrogatorio, dixéronlle que "non era suficiente e que había que continuar" e tivo xa que entrar no cárcere, "e aí empezou". "Non me explican nada, a partir de aí empeza o proceso de interrogatorios e todo o proceso xudicial", responde ao ser preguntada se lle trasladaron os motivos do arresto.

Estancia no cárcere

Sobre a súa estancia no cárcere, primeiro 38 días nunha e o resto na de Evin, manifesta, ao contestar sobre a súa estancia na primeira, que estivo nun módulo de mulleres. "Ao principio foi moi duro pola incerteza, tes medo de que te acusen de espía, que ao final sucedeu". "O primeiro mes foi moi duro, a cela era bastante ampla pero as miñas compañeiras non falaban inglés, non tiña maneira de comunicarme, foi moi duro".

"O día a día era durmir moito e xogar moito coa imaxinación, podiamos saír ao patio case todos os días e, por sorte ou por desgraza, deixábannos facer limpezas ou lavar roupa ou mantas, que ao principio parece non moi bo pero axuda a estar máis relaxada", lembra. Foi un tempo sen contacto coa familia. "Nos primeiros 35 días días estiven no primeiro cárcere, a partir de alí movéronme a Teherán, no cárcere de Evin, e alí tiven contacto coa embaixada", un primeiro contacto, aclara, de cinco minutos. "Creo que foi ao día 60 ou 58 da miña detención", engade.

Sobre a súa relación coas compañeiras de cárcere, afirma, cun sorriso, que "a mímica funcionaba bastante ben" e que lle ensinaron algunhas palabras no seu idioma. "Basicamente insultos e palabras como bos días", conta.

Tes esperanzas de que te van liberar porque sabes que non fixeches nada malo, o problema é que os días pasan e non te liberan, obrígaste a ti mesma a pensar que vas saír

Cargos e liberación

Tras ser acusada formalmente de espía, unha acusación que non soubo até "moito despois" da súa estancia en prisión, afirma que neses momentos pensaba nos seus familiares e en que a ían liberar. "Pero non sabes cando, eran os dous pensamentos aos que me aferraba", recoñece Baneira, sobre a que pesan aínda cargos, agora "menores", pero dos que prefire non falar.

Por outra parte, recoñece que descoñece o proceso que se fixo para a súa liberación desde o punto de vista diplomático, que só sabe que foi despois de comparecer ante un xuíz o día 25 cando quedou libre. "Amabelmente, liberoume", tras 138 días en prisión. "Tes esperanzas de que te van liberar porque sabes que non fixeches nada malo, o problema é que os días pasan e non te liberan, obrígaste a ti mesma a pensar que vas saír", apostila, sobre todo ese tempo. Así mesmo, matiza que non tivo contacto con "ningún europeo" detido. "Decateime da detención de Santiago pola Embaixada", explica.

A respecto do Irán, di que é o país no que sentiu "máis segura", pola "hospitalidade da xente". "Fante sentir moi segura, coma se nada che puidese pasar". Cuestionada sobre se volvería, responde: "Se me prometen que non me van deter, encantaríame volver". "Sería inxusto xulgar a todo o país pola detención", afirma. As súas últimas palabras son para agradecder o traballo da Embaixada, do Ministerio de Asuntos Exteriores español e iraniano e do Goberno español, así como os departamentos consulares, para indicar que sabe que "están a facer" o mesmo traballo por outros detidos.