Medio Ambiente

Amil Sen Eólicos exixe a revogación da autorización das obras do Acibal

Petróglifo atopado por veciñanza de Moraña no monte Acibal. (Foto: Amil Sen Eólicos)
Conmemoran o primeiro aniversario do descubrimento do primeiro petróglifo no monte Acibal, onde Norvento constrúe un polígono eólico.

O colectivo Amil Sen Eólicos conmemora o primeiro aniversario do descubrimento do primeiro petróglifo no monte Acibal, en Moraña (comarca de Caldas) e denuncia o incumprimento continuado da empresa Norvento das condicións impostas pola Declaración de Impacto Ambiental (DIA) no proxecto.

Critican o abandono absoluto da veciñanza por parte do concello de Moraña e da Xunta da Galiza, "actuando como cómplices da desfeita".

Refírese así o colectivo á destrución parcial dunha zona de importante riqueza arqueolóxica como é o monte Acibal como consecuencia das obras realizadas pola empresa Norvento para instalar o polígono eólico do Acibal. 

Precisamente por este motivo, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) formalizou ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) unha demanda na que solicita a paralización inmediata das obras do proxecto, en aplicación do artigo 100 da Lei de Patrimonio Cultural da Galiza. 

Así, Amil sen Eólicos demanda a revogación da autorización do parque eólico e a restauración do monte Acibal ao seu estado previo, na medida do posíbel, "xa que hai zonas que xa non se poden restaurar porque foron totalmente destruídas".