Medio Ambiente

Ecoloxistas e veciñanza afectada chaman a deter "de inmediato" as obras polos eólicos do Acibal: "É un espolio patrimonial"

Petróglifo de círculos concéntricos e pía cadrada, bens identificados pola veciñanza no monte Acibal. (Foto: Nós Diario)
Adega e o colectivo Amil Sen Eólicos demandan ao TSXG a paralización urxente do parque eólico promovido por Norvento para protexer o patrimonio.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, vén de formalizar unha demanda perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na que se solicita a paralización inmediata das obras do proxecto eólico Acibal, nos concellos de Moraña (comarca de Caldas) Barro e Campo Lameiro (comarca de Pontevedra). A entidade ecoloxista urxe aplicar o artigo 100 da Lei de Patrimonio Cultural da Galiza, que autoriza a consellaría competente a "ordenar a intervención arqueolóxica de urxencia que resulte procedente e mesmo paralizar, de ser o caso, as obras ou remocións durante un prazo de dous meses", prorrogábel outros dous, cando no curso dunha obra se constate ou se presuma a existencia dun xacemento arqueolóxico.

Adega interpuxo o pasado outono un recurso contencioso-administrativo ante a Sala Terceira do TSXG "fronte á vía de feito na que incorreu a Administración por non ter aplicado dito precepto, consentindo a continuación das obras do parque eólico" malia os numerosos achados patrimoniais comunicados pola veciñanza á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta da Galiza durante a execución das obras de construción do parque.

A demanda que agora dá continuidade ao proceso e que Adega vén de presentar xunto ao colectivo Amil sen Eólicos recolle todas as comunicacións trasladadas á Administración galega por parte da veciñanza e a resposta desta ante as súas reclamacións, "pasiva ou mesmo obstrutiva", en relación á protección dos bens localizados no polígono eólico do Acibal, aínda por estudar.

Segundo salientan, trátase dunha área especialmente relevante a nivel arqueolóxico, non só no contexto de Galiza, senón a nivel estatal e internacional, avalada por informes de expertos en arqueoloxía que acreditan un "espolio patrimonial" na zona en favor da promotora do parque eólico do Acibal, Norvento.

Desprotección

Amil sen Eólicos reitera o "incumprimento continuado" por parte da empresa das condicións impostas pola Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto e critica o "absoluto abandono sufrido pola veciñanza por parte do Concello de Moraña e da Xunta. Acusan Norvento de esnaquizar numerosos petróglifos e ao Goberno galego de ignorar as denuncias veciñais, malia ter cumprida información sobre a localización e o interese patrimonial de todos os xacementos atopados e agora danados. "Están xa nas últimas semanas de construción do polígono eólico e a zona fica totalmente deturpada, con petróglifos estragados e moitos pendentes de estudo por parte dos arqueólogos", afirma a Nós Diario Patricia Gamallo, de Amil se Eólicos.

Desde este colectivo cuestionan a falta de "independencia e competencia" do arqueólogo que está a facer o seguimento dos bens patrimoniais a pé de obra. "Nin el nin a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural lle deron valor á zona como conxunto arqueolóxico, nunca consideraron nin deron valoraron por xunto todos os bens que comunicamos".

A veciñanza está convencida de que a área de intervención eólica acolle aínda máis xacementos dos que teñen atopado, mais o arqueólogo de Norvento non foi quen de localizar nin de comunicar nin uns nin outros".

Paralización urxente

Amil sen Eólicos e Adega concordan: é urxente paralizar as obras co fin de acometer unha valoración acaída de todos os achados. Demandan a revogación da autorización administrativa e de construción do parque eólico por graves incumprimentos da DIA, así como a restauración do monte Acibal ao seu estado previo, na medida do posíbel, xa que hai zonas que non se poden restaurar porque foron totalmente destruídas.

"Só lles queda levantar os aeroxeradores", asegura Patricia Gamallo, quen lembra que tras decaer a suspensión cautelar decretada polo TSXG o pasado mes de outubro a petición de Ecoloxistas en Acción, "traballaron día e noite e fins de semana". Desde primieros de ano Norvento apurou as obras sen descanso coa conivencia de "Xunta e Concello de Moraña", de costas á veciñanza, "o que para nós é facer efectiva a política do 'ti vai facendo', que despois xa se verá, xa quedará feito ou xa non haberá volta atrás".