Comarca de Caldas

Veciñanza denuncia na Fiscalía a "destrución de elementos patrimoniais" no parque eólico do monte Acibal

Denuncia de Amil sen Eólicos nos xulgados. (Foto: Nós Diario)
Amil Sen Eólicos alerta da "grave situación" que se vive neste espazo natural no que se acharon dous petróglifos e até "40 posíbeis elementos patrimoniais" na zona das obras.

O colectivo Amil Sen Eólicos vén de presentar unha denuncia formal diante da Fiscalía de Medio Ambiente de Pontevedra para pór en coñecemento da Xustiza a "grave situación" que, entenden, padece o monte Acibal (Moraña, comarca de Caldas) debido á construción dun parque eólico. Pretenden que o xuíz garanta a "protección efectiva" do patrimonio cultural e natural presente na contorna deste monte.

Advirte a entidade que o descubrimento casual dun primeiro petróglifo o pasado 19 de marzo por parte da veciñanza durante unha andaina "revelou a insuficiencia da avaliación do impacto do proxecto eólico sobre o patrimonio cultural existente na área".

Desde ese momento, Amil Sen Eólicos informou do achado de "máis de 40 posíbeis elementos patrimoniais na zona de obras", unha información que xa trasladou ás autoridades competentes, como o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e distintos departamentos da Xunta da Galiza, co obxectivo de que adopten medidas para paralizar esta construción.

"A pesar de múltiples solicitudes por parte de Amil Sen Eólicos, así como doutras organizacións e cidadáns preocupados, non se obtivo resposta por parte da Consellaría de Patrimonio e outras consellarías competentes", lamentan.

Debido a ese "silencio" que obtiveron por resposta, solicitaron un ditame á Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) que, aseguran, "concluíu que o monte Acibal non é un lugar axeitado para a instalación do polígono eólico debido á súa riqueza arqueolóxica, a máis que posíbel aparición de máis elementos, a existencia de brañas e turbeiras e a celebración da tradicional festa da Baixa das Bestas, que se vería afectada pola construción do proxecto", precisan.

A veciñanza conta tamén, afirman, cun informe elaborado por Xulio Carballo, arqueólogo de Patrimonio da Xunta xa retirado, no que, ao igual que a RAGBA, "sinala a condición de xacemento da zona e o interés de conservala". "A construción do polígono deixaría un xacemento arqueolóxico arrodeado de instalacións industriais de 200 metros de altura", alertan.