A ameza dos macroproxectos eólicos para o patrimonio cultural galego

Varios representantes de colectivos que traballan no campo do patrimonio advirten do risco que supón a actual expansión eólica na Galiza.

 

Representantes de colectivos e asociación que traballan na defensa do patrimonio participaron na mesa redonda organizada por Adega para abordar o impacto dos proxectos eólicos neste campo. Todos coincidiron no perigo e na amenaza que os macroproxectos eólicos representan para o patrimonio da Galiza.

Xabier Moure, fundador do colectivo Patrimonio dos Ancares, expuxo como “todo o macizo dos Ancares está ameazado por un continuo de eólicos, aínda que se presenten fragmentados”. Denunciou ademais o feito e de que áreas protexidas baixo figuras de preservación como son as ZEPA (Zonas de Especial Protección de Aves), LIC (Lugares de Interese Comunitario) ou BIC (Bens de Interese Cultural), etc. están afectadas por parques eólicos, incorrendo no incumprimento da normativa.

Aurora Grandal, do Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade da Coruña, puxo en valor a relevancia da xeodiversidade, base da flora e destacou que é un elemento irreparábel unha vez danado. De novo, en referencia ás leis, indicou que tanto a nivel estatal como galego contémplase a preservación da xeodiversidade e do patrimonio xeolóxico pero na práctica “fica esquecido e nun segundo plano”.

Pilar Sánchez representou a O Sorriso de Daniel, colectivo que ten presentadas alegacións naqueles proxectos que afectan ao patrimonio románico de Galiza, como é o caso do parque eólico de Troitomil, dentro de cuxa poligonal se atopa a igrexa de Sta. Mariña de Lañas, ademais de afectar aos recursos acuíferos que subministran as aldeas subxacentes.

Sánchez, explicou como atoparon varias dificultades á hora de alegar como incorreccións na toponimia, fragmentación en fases dos proxectos ou imprecisión á hora de presentar os impactos do parque (xa non só dos muíños senón das infraestruturas asociadas, como as liñas de evacuación, pistas de acceso etc.). Propuxo, tamén, que a “Dirección Xeral de Patrimonio sexa un axente na avaliación e autorización de permisos para estes proxectos eólicos”.  

Por último, Luis Leclere, presidente do Colectivo A Rula, reivindicou o “patrimonio cultural e a memoria, porque perdelos significa perder a identidade”. Presentou casos concretos como o do Monte Piquiño, con grande concentración de petróglifos e mámoas, algúns deles sen catalogar, onde se conseguiu paralizar o proxecto; o Petón da Campaíña (Corme), un dos petróglifos mais singulares de Galiza, actualmente rodeado de eólicos; ou a actual ameaza os penedos de Pasarela e Traba (Vimianzo).

A modo de conclusión, as catro persoas relatoras coincidiron na necesidade de revisar o Plan Sectorial Eólico en cumprimento das leis de protección do territorio, o medio, a paisaxe e o patrimonio, así como na necesidade da mobilización social para frear esta vaga eólica e que quere facer de Galiza “terra de sacrificio”.