Ameaza de "máis contaminación" na ría de Arousa coas novas verteduras de dragaxes portuarias
No ano 1998, o daquela Ministerio de Fomento do Goberno español —dirixido por Rafael Arias Salgado (PP)— habilitou entre as illas de Ons e Sálvora —na boca sur da ría de Arousa— un punto de vertedura para os materiais de dragados dos portos da zona. Vinte anos despois, en 2018, con 3,8 millóns de metros cúbicos vertidos destes dragados na zona, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) logrou que a Delegación do Goberno español na Galiza intercedera para que o Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) paralizase esta zona de vertedura chamada E/8.
O Miteco e Portos da Galiza encargaron un informe para estabelecer puntos alternativos para estes dragados. Dos catro propostos —da Zona A á D—, as Administracións competentes na zona —Xunta da Galiza e Goberno español— veñen de aprobar dous novos puntos de vertedura a apenas 2 quilómetros do de Sálvora. O sector do mar na ría de Arousa négase a estas verteduras e critica que “están de novo na entrada do afloramento” das augas arousás. A PDRA, as asociacións de mexilloeiros e mariscadoras da zona e as confrarías de Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa (O Salnés) e a de Rianxo (O Barbanza) advirten de que as zonas de vertedura “están na mesma canle de entrada á ría de Arousa”. Acusan a Xunta e o Miteco de “non entender nada” e advirten: “Non queremos que máis contaminantes entren na ría”.
Nesta zona de vertedura en Sálvora os dragados dos portos botaron arredor de 3,5 millóns de metros cúbicos de residuos, “do que botaron abaixo só hai 1,9 millóns de metros cúbicos”, explicou esta segunda feira en rolda de prensa o biólogo e presidente da PDRA, Xaquín Rubido, “onde está o resto” preguntou, para responder que cos datos dos estudos das correntes que recoñecen a Xunta e o Goberno español “as partículas finas, que son as que portan a contaminación, foron trasladadas pola corrente ao interior da ría de Arousa”. Advirten desde o sector do mar de Arousa de que “iso mesmo vai a seguir pasando” coa nova Zona B de vertidos aprobada polo Miteco porque “está na mesma canle de entrada” da ría arousá.
Dependendo do porto de procedencia, estes dragados conteñen máis ou menos contaminantes e son máis ou menos cuantiosos. No caso dos portos chamados “de interese xeral” como os de Marín ou Vilagarcía de Arousa “teñen máis contaminación de metais pesados —fundamentalmente cadmio e chumbo— e outros contaminantes persistentes e son dragados máis cuantiosos”, advirten.
Alternativas á contaminación dos dragados
O sector do mar reclama a xestión destes residuos “en terra” como se fai xa en lugares como o porto de Vigo. Demandan da Xunta e do Miteco “a inmobilización en terra dos dragados portuarios que posúan contaminantes persistentes que poden introducirse na cadea trófica”. E como “mal menor” no caso das verteduras que van ao mar optan por unha Zona A para esta zona, localizada máis de 6 millas ao norte do punto B aprobado polo Miteco. Explican que esta zona ten 150 metros de profundidade, está fóra de todas as zonas de protección ambiental que ameazan os outros vertidos e “non está na canle de entrada de ningunha ría, co que teremos garantía de que os dragados non chegan a contaminar as nosas rías”, explica Rubido.
Critican que a Xunta e o Miteco “desbotaran” esta Zona A porque está máis afastada dos portos: “Non pensan na saúde das rías senón no que van gastar nos dragados”, din. Desde a PDRA están tamén preocupados polo próximo dragado anunciado do río Lérez, antes do cal reclaman “un estudo de impacto ambiental serio” pola elevada contaminación da desembocadura por “Ence, Elnosa, Tafisa e o propio río”, denuncia Rubido.
Pola súa parte, a conselleira do Mar, Marta Vilaverde, pediu esta segunda feira “respecto” para o “criterio técnico” do Miteco, que permitirá “desbloquear” o dragado do Lérez e outros 16 portos, dixo.
Aliás, Portos da Galiza rexeitou que a decisión dos novos puntos de vertedura se adoptara “por criterios económicos” e defendeu o estudo levado a cabo por Portos do Estado, Portos da Galiza e o Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex). No informe do Cedex, porén, aparece detallado nun cadro a distancia dos portos cos puntos de vertedura, e a PDRA denunciou que “miraron fundamentalmente o que custa levar alí as dragas”.
O presidente de Asmecruz —asociación de mexilloeiros de Cabro de Cruz—, Mario Vidal, advirte de que as novas verteduras autorizadas polas Administracións “terán impacto directo nos polígonos mexilloeiros de Aguiño (Ribeira) e O Grove, e no resto da ría de Arousa”. Lembra que esta ría produce 70% do mexillón de Europa e que o sector está en “mínimos históricos de produción, por baixo das 200.000 toneladas”, co que “non aceptamos a entrada de máis contaminación na ría”.
Presenza de chumbo no reló
O reló, un bivalvo como a ameixa, está vedado actualmente para as tallas maiores de 3,5 centímetros. Nesta especie, segundo denuncia Xaquín Rubido, “hai chumbo” e a veda nas tallas maiores responde a que “se acumula” a presenza de chumbo nestes exemplares. Rubido denuncia que, detectada a presenza deste contaminante no reló, “a Xunta non se molestou en comprobar se ese chumbo é o mesmo que entra na ría de Arousa procedente dos dragados do porto de Vilagarcía”.
Así acontece, segundo denuncia Rubido, outras especies nas que se teñen detectado presenza de contaminantes e metais pesados.
Os controvertidos puntos de vertedura autorizados polo Miteco
A comezos deste mes de setembro, e a pesar do escrito remitido polo sector marisqueiro e a PDRA o 20 de xuño, o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco) deu o “visto bo” a dúas novas zonas de vertedura para os 16 portos das Rías Baixas. A decisión do Ministerio baseouse nun estudo elaborado polo Centro de Estudos de Portos e Costas do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex) e solicitado conxuntamente por Portos do Estado e Portos da Galiza.
O Miteco considera “compatíbel” coa conservación da biodiversidade e a actividade da zona dúas novas áreas de vertedura, nas que prevé nos vindeiros 10 anos depositar 1.678.308 metros cúbicos. Estas zonas B e D aprobadas polo Miteco “non suporán afección aos espazos da Rede Natura 2000 nin á biodiversidade mariña”, afirmaba a comezos destes mes nun comunicado. A Zona B está fronte á comarca do Salnés “e pode dar servizo aos portos da ría de Arousa e algúns da ría de Pontevedra”, di o Ministerio, e a Zona D sitúase fronte á boca da ría de Vigo “e pode atender os portos desta ría e parte dos da ría de Pontevedra”. Pero o Miteco non clausura con estas dúas novas zonas o punto de vertedoiro que leva operativo na zona de Sálvora, senón que asegura que “o uso de ambas as zonas -B e D- considérase preferente ao da zona E/8”.
Nós Diario consultou esta segunda feira ao Miteco a respecto desta decisión e as demandas do sector. Ao feche desta información o Ministerio non respondeu a estas cuestións.

