A ameaza eólica volve axexar o patrimonio das serras da Groba e O Galiñeiro

Andaina contra o proxecto eólico no Galiñeiro, en maio de 2014 (Foto: Nós Diario).
Por outra banda, o TSXG anula a modificación do proxecto do parque eólico da serra do Iribio, ao entender que a declaración de impacto ambiental, que data de 2005, está "obsoleta".

O Diario Oficial da Galiza (DOG) vén de someter a información pública o proxecto do parque eólico Albariño I, que promove Ceólica Hispania SL —pertencente a Acciona Corporación SA— nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño. Porén, trátase dunha proposta que vén de lonxe.

A compañía iniciou a súa tramitación a comezos de século, e en 2007 foi exposto no DOG contemplando a instalación de 21 aeroxeradores que sumarían unha potencia total instalada de 48,3 megawatts (MW). Cinco anos despois a Administración emitiu a Declaración de Impacto Ambiental (DIA), mais co proxecto modificado: once muíños e unha potencia de 25,3 MW. Hoxe o proxecto prevé seis aeroxeradores que contarían cos mesmos megawatts.

O Goberno galego declarou o parque, a finais de xullo, "iniciativa empresarial prioritaria" e "de interese autonómico", coa consecuente redución dos prazos de tramitación e alegacións ao abeiro da Lei de simplificación administrativa aprobada este mesmo ano. A Xunta dá por boa a DIA de 2012 malia mudaren as características dos aeroxeradores, de maior tamaño que os previstos nos estudos previos, algo que non considera unha "mudanza substancial".

'Macrocomplexo' eólico

As turbinas do Albariño I ficarían a escasos metros das contempladas nos proxectos Toroña —dez aeroxeradores— e Torroña I —catro—, promovidos polo mesmo grupo empresarial e cuxas poligonais se solaparían.

A eles cumpriría sumar un terceiro, Torroña III, que malia desaparecer recentemente do mapa do Rexistro Eólico da Galiza —onde se recollen todas as solicitudes de parques eólicos— está previsto na documentación achegada pola promotora eólica. Torroña I e Torroña III evacuarían a súa enerxía a través da subestación —aínda non construída— do Albariño I, denominada Barrantes.

Así as cousas, na fronteira entre Oia e O Rosal estanse a tramitar outros dous proxectos de diferentes promotoras, Merendón —cinco muíños— e Rosal —dous—.

"É un evidente exemplo de fragmentación fraudulenta de grandes parques en pequenas pezas, para avaliar os impactos por separado. Esta práctica é moi habitual en todo o país, e está permitida e alentada pola Xunta", lamenta, en conversa con Nós Diario, Bruno Centelles, portavoz de SOS Groba e vogal do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), que nos últimos tempos ten documentado os impactos sobre o territorio destes proxectos.

Neste senso, salienta a presenza na Groba de arredor de 1.500 cabalos salvaxes, así como animais etiquetados como vulnerábeis no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA), coma a ra patilonga ou o sapo de esporóns. Tamén conta cun importante número de xacementos arqueolóxicos, "a maioría sen catalogar", polo que aínda non gozan de protección. Aliás, incide na "riqueza toponímica" da zona, pondo como exemplo Oia, con "10.000 topónimos en 96 quilómetros cadrados".

Novo proxecto aos pés do monte Aloia

O pasado mes de maio a veciñanza celebraba o 'carpetazo' que a Xunta da Galiza daba ao parque eólico TV-20, proxectado na serra do Galiñeiro. Porén, o Rexistro Eólico da Galiza recolle unha nova proposta neste mesmo emprazamento, denominada A Paraguda, que situaría oito aeroxeradores entre Gondomar e Tui, ás portas do monte Aloia.

O Galiñeiro, lembra Centelles, non conta con ningunha figura de protección e, de feito, o monte está integrado nunha área de desenvolvemento eólico (ADE), polo que poderían presentarse máis proxectos. "Nós xa advertíramos que non había nada que celebrar, porque poden seguir aparecendo parques eólicos na zona", di.

Sentenza contra o parque do Iribio

Noutra orde, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de estimar un recurso que pedía anular a aprobación do proxecto de parque eólico na serra do Iribio por parte da Xunta en 2018, ao entender que a DIA, que data de 2005, está "obsoleta para amparar a avaliación ambiental".