Ecoloxistas piden a Rueda reflexionar sobre o "impacto negativo" da eólica antes de que sexa "irreversíbel"

Parque eólico. (Foto: Nós Diario)
Salvemos Cabana cre que resulta "fundamental" preservar as contornas que representan "unha fonte vital de biodiversidade e servizos ecosistémicos", porque as montañas son lugares que "albergan unha gran diversidade de flora e fauna".

Con motivo do Día Internacional das Montañas, a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana pide ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, reflexionar sobre "o canellón sen saída" ao que "está a conducir o territorio e os seus habitantes" a implantación de parques eólicos antes de que a situación sexa "irreversíbel".

Nunha nota de prensa, o colectivo urxe ampliar a área designada para a Rede Natura 2000, exercendo "o control debido sobre as empresas", ademais de "escoitar as comunidades afectadas", que son, engaden, "as que realmente sofren as consecuencias desta desmesurada febre por beneficiar as contas de resultados das grandes enerxéticas".

Cren que resulta "fundamental" preservar as contornas que representan "unha fonte vital de biodiversidade e servizos ecosistémicos", porque as montañas son lugares que "albergan unha gran diversidade de flora e fauna". Por iso, aínda que a instalación de parques eólicos "pode ser considerada como unha das opcións do mix enerxético para a descarbonización, ven "inaceptábel" que, "en aras do maior beneficio para as empresas do oligopolio, estea a comprometerse a integridade dos outeiros, cimas, montes e montañas".

Aliás, apuntan que a integración destas infraestruturas no país é "desordenada e sumamente desequilibrada". Así, indican que conceptos como o da utilización "das mellores técnicas dispoñíbeis" ou de "respecto ás cautelas ambientais" tornaron en "xustamente o contrario" debido á "falta de control da Xunta". "Deficiente ou nulo control ambiental e inxustiza continuada para as comunidades", lamentan.

Nesta liña, os ambientalistas expoñen que "non hai máis que ver" o ocorrido na Serra do Gontón, en Cabana de Bergantiños, ou nos montes de Amil, en Barro, "onde parte dos seus cumios foron voadas polo aire con explosivos para a implantación de aeroxeradores e elementos de gran valor ambiental e patrimonial como o Penedo do Castelo ou o monte Acibal víronse arrasados sen posibilidade de restitución".