As alumnas do Mestrado de Xénero e Igualdade declaran ante o reitorado da USC

Unha das estudantes que prestaron declaración perante o Reitorado [Imaxe Irene Pin]

As estudantes realizaran protestas contra Luciano Méndez Naya por pedir ás alumnas que non levaran escote se non querían distraelo. VÍDEO NO INTERIOR. 

Catro estudantes da Universidade de Santiago de Compostela foron chamadas a declarar esta mañá para esclarecer o acontecido durante as súas reivindicacións contra o profesor Luciano Méndez Naya, a quen culpan de ser machista e promover un discurso de odio nas súas aulas.

O grupo chamado a declarar esta mañá no reitorado, formado por tres mulleres e un home, foi preguntado polos sucesos do día 17 de marzo no que varios alumnos se presentaron na aula de Luciano Méndez con pintadas no seu corpo e sen camisola, como resposta á súa actitude nas aulas nas que increpara a unha alumna por levar escote.

As estudantes falan dun expediente informativo mentres o Reitorado di que se trata dun procedemento esclarecedor

As alumnas rexeitaron responder unha por unha ás preguntas que se lles fixo sobre o día da protesta na aula, cinxíndose á lectura dun manifesto conxunto que explicaba a súa versión dos feitos e na que reclamaban o seu dereito a rexeitar as conductas machistas dentro da universidade. As alumnas foron preguntadas, tamén, por unha serie de pintadas que apareceron nas paredes dos centros en apoio á súa causa, coas que negaron ter calquer tipo de vinculación.

Tras a comparecencia fronte ao reitorado, decenas de persoas apoiaron a Kely, Carmen, Belén e Eneko: as catro estudantes ás que se lles recolleu declaración. Á saída da mesma, as alumnas afirmaron que lles fora aberto un expediente informativo, mentres que dende o Reitorado matizan, en conversa con Sermos Galiza, que se está a seguir un procedemento que documente todo o acontecido, para esclarecer os sucesos que lles foron remitidos dende o decanato da facultade na que se imparte o Master. Este proceso non ten relación co expediente disciplinario que lle foi aberto a Luciano Méndez Naya tras os actos sexistas que desencadearon o caso. O expediente do profesor atópase agora mesmo á espera de que sexan determinadas as sancións que a USC estime adecuadas. Polo de agora Méndez segue impartindo clases con normalidade.

Méndez continúa a impartir aulas na Facultade de Económicas

Como parte das reivindicacións ante esta situación, os alumnos formaron o colectivo Teteiros Ceives, a través do cal comezaron unha campaña de recollida de sinaturas para conseguir o cesamento de Luciano Méndez como profesor da USC, "por emitir un discurso de odio nas súas aulas e por impartir uns valores que non se corresponden cos que pregoa a USC". Con esta campaña, ademais, tamén solicitan unha autoinculpación simbólica dos asinantes na que afirman que eles tamén forman parte das protestas.

O colectivo tamén busca atopar a máis alumnas e ex alumnas de Méndez que fosen testemuñas ou vítimas do machismo nas aulas, para nun futuro tramitar unha demanda de carácter xudicial.

Na xornada de mañá, terza feira 3 de maio, serán citadas outras catro alumnas a declarar para continuar o procedemento de recabamento de testemuñas que o reitorado afirma estar a facer dende as últimas dúas semanas, mais non foi aclarado se as alumnas que compareceron hoxe e as que o faran mañá, terán que voltar a declarar.