"Reeducámoste de balde", a resposta dun grupo de estudantes aos comentarios machistas dun docente

Foto grupal

Acudiron á aula de Luciano Méndez con lemas pintados nos seus escotes. VÍDEO NO INTERIOR. 

Estudantes do Máster de Xénero da USC acudiron á aula do profesor de Económicas, Luciano Méndez, que foi denunciado por comentarios machistas a unha alumna. Como resposta ás agresións proferidas contra unha alumna e que están a ser investigadas pola Universidade, decidiron asistir a unha das materias impartidas polo docente con lemas pintados nos seus escotes. 

"Antes frívola que machista", "a testo: unha vida de control", "excesivo o teu machismo", "lado débil = male tears", "asqueroso oféndete, machista non" ou "a miña masculina pel non che presta? =(". 

O grupo de estudantes decidiron "manifestar o noso desacordo ante o seu discurso sexista e ante a ausencia de consecuencias inmediatas ou medidas por parte da USC a raíz dos seus comentarios discriminatorios ante unha alumna". 

Decidiron actuar para "manifestar o noso desacordo ante o seu discurso sexista" e "a ausencia de consecuencias inmediatas por parte da USC"

Así, minutos despois de dar comezo a aula "e de deixarlle claro que iamos comprobar a súa “calidade docente”, quitámonos as camisolas e deixamos ao descuberto os nosos peitos, onde levabamos escritas diferentes frases". 

Méndez ameazou as estudantes "con botarnos cunhas patadas no cú"

Neste senso, aseguran que, "a pesar dos seus esforzos, aínda non debe ter control completo sobre a súa testosterona. Entre outras saídas de tono, dixo referíndose ao único home do noso grupo que  “ía mirar as tetas das túas compañeiras”, laiouse porque foramos co peito pintado porque non luciamos tan ben as nosas “virtudes femeninas”, dixo que pechaba a persiana para “ter máis intimidade, porque co ambiente que hai igual vai a máis” e ameazounos con “botarnos cunhas patadas no cú” a pesar de que en ningún momento nos negamos a abandoar a aula", explican nun comunicado de imprensa. 

"Os nosos corpos seguen a ser subversivos"

"A pesar das moreas de desnudos femeninos que nos rodean, os nosos corpos nús non son aceptados se non están mediatizados pola obxectificación. Aínda é preciso reivindicar o noso dereito a vestir como queiramos, con escote ata o embigo ou sen camisola. Os nosos corpos seguen a ser subversivos", afirman.