Bicos contra a homofobia na USC

[Imaxe Youtube]

Estudantado universitario amosou así o seu rexeitamento á volta á docencia de Domingo Neira quen afirmou nas súas aulas que "a enfermidade dos maricóns é conxénita". VÍDEO NO INTERIOR. 

O 2 de abril estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que mantiveron un encerramento na Facultade de Ciencias da Educación organizaron unha bicada colectiva contra a homofobia para denunciar a volta ás aulas do profesro Domingo Neira. 

Neira, fora afastado da docencia uns meses após ser denunciado polo seu discurso homófobo nas aulas de Didáctica e profesión docente onde asegurou que "a homosexualidade é contaxiosa", que "os homosexuais carecen de hombría e non poden educar" ou que "as lesbianas teñen un cromosoma XXX que explica o seu comportamento non normal".

Para visibilizar a conduta do docente o estudantado quixo facelo "do mellor xeito que atopamos, demostrando afecto, amor, cariño, paixón, complicidade coas nosas parellas, compañeiras, amigas..."

A USC fai parte do proceso xudicial aberto contra tres estudantes que protestaron pola volta ás aulas de Domingo Neira. A Fiscalía pídelles 5 meses de cadea por "desordes públicas"

Así mesmo, quixeron amosar o seu apoio ás tres persoas que foron encausada nun proceso xudicial pola súa participación nun escrache a Domingo Neira en maio de 2015. No marco desa causa a propia USC persónase como parte denunciante através da Secretaría Xeral e a vice-decana. Neste senso, pediron o "cesamento do apoio que está brindando á parte acusadora" pois a Fiscalía solicitou para as tres estudantes, Antía, Mario e Atanes, cinco meses de prisión por un suposto delito de desordes públicas. 

Non é o único caso en que comentarios dun docente da USC motiva a mobilización do estudantado. Tamén en Económicas, Luciano Méndez, foi obxecto de denuncias públicas e dun proceso de investigación interna da universidade polas súas declaracións sexistas contra unha alumna. En resposta a esa agresión e á pasividade da Universidade, un grupo de persoas acudiron ás súas aulas en suxeitador. Nunha entrevista concedida a Sermos Galiza, as estudantes aseguraron que "a liberdade de cátedra non pode amparar discursos de odio".