O alumnado poderá obter o título de Bacharelato cunha materia suspensa

Exame da ABAU 2021 en Compostela (Foto: Arxina).
O conselleiro de Educación di que vai en contra da "cultura do esforzo".

O Ministerio de Educación e Formación Profesional prevé que no vindeiro curso 2021-22 o alumnado poida obter o título de Bacharelato cunha materia suspensa, segundo consta no proxecto de Real Decreto polo que se regula a avaliación e as condicións de promoción dos diferentes niveis educativos.

A nova norma que regula o ensino a nivel estatal, a Lei Orgánica de Modificación da LOE (Lomloe), estabelece que para obter esta titulación precísase unha cualificación positiva en todas as materias de ambos os cursos do Bacharelato; porén, abre a porta a que a comunidade docente poida decidir que un ou unha estudante poida participar na Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) cunha materia pendente de cumprírense os seguintes requisitos: que non faltase ás aulas de forma "continuada" e "inxustificada" e que alcanzase os obxectivos e competencias vencellados ao título.

Así, este Real Decreto viría a confirmar as liñas xerais da nova lei sumando outros dous condicionantes: que o alumno ou alumna se tivese presentado a todos os exames —nas convocatorias ordinaria e extraordinaria— e realizase todas as actividades precisas para a súa avaliación e, por outra banda, que a media aritmética do conxunto das materias de primeiro e segundo de Bacharelato sexa igual ou superior a cinco.

A Xunta, en contra

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, afirmou nesta cuarta feira que este "decreto do aprobado xeral" pode "xerar un aspecto pernicioso no sistema".

"Hai algo básico [na educación] como é a cultura do esforzo, a motivación; que é o que garante a igualdade de oportunidades", dixo, e defendeu que "non pode ser igual aprobar que suspender; esforzarse ou non facelo".

Para o conselleiro, apostar polo alumno ou alumna "que se esforza" e apoiar ao que ten "dificultades" para que "non quede atrás" son "aspectos compatíbeis".

Competencias da FP

Noutra orde, o Diario Oficial da Galiza (DOG) recolleu na terza feira a orde que regula o proceso para recoñecer na Formación Profesional (FP) as competencias adquiridas a través da experiencia laboral, que estará aberto de forma permanente e permitirá acreditar as 1.125 unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais que conforman os módulos dos ciclos de FP. Aliás, desaparece o límite de prazas, polo que as e os interesados poderán realizar tantas solicitudes como consideren.