A vacinación das crianzas na ESO e Bacharelato: solución para o próximo curso?

A proposta xurdiu na reunión mixta da Conferencia Sectorial de Educación e o Consello Interterritorial de Saúde decorrida nesta cuarta feira. No debate sobre a organización do próximo curso xurdiu a opción da inmunización. Outra das novidades será o cambio da distancia mínima entre alumnas de 1,5 a 1,2 metros. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, pediu que o Estado transfira fondos para axudar a soster o gasto das medidas extraordinarias.
A ministra de Educación, Isabel Celaá. (Foto: Ó. Cañas / Pool / Europa Press)
photo_camera A ministra de Educación, Isabel Celaá. (Foto: Ó. Cañas / Pool / Europa Press)

O Goberno español e os diferentes territorios estudan agora a posibilidade de adiantar a vacinación dun sector da poboación máis moza, neste caso aquela que cursa a ESO e o Bacharelato, para iniciar o próximo curso escolar con garantías de control da pandemia da Covid-19. Así se comentou no decorrer da reunión mixta da Conferencia Sectorial de Educación e o Consello Interterritorial de Saúde.

Segundo se avanzou hai escasos minutos, os ministerios de Sanidade e Educación e os respectivos departamentos dos distintos territorios do Estado estudaron hoxe algunhas das medidas que se poderían tomar para organizar con antelación o próximo curso. 

Ao facer unha mención á vacinación das equipas docentes, tamén se revelou que as e os expertos analizan se sería axeitado inmunizar ao alumnado da ESO e Bacharelato, integrándoo na actual campaña de vacinación contra o virus. O avance fíxoo o Goberno de Aragón, que explicou que todas as Administracións acordaron que, polo momento, é fundamental continuar coas "medidas de carácter preventivo como o uso das máscaras".

"Amosáronse fundamentais para lograr que os centros sexan lugares seguros fronte ao coronavirus, aínda que as pautas non serán tan restritivas coma o ano pasado", remarcaron as mesmas fontes.

En paralelo á avaliación de inocular fármacos contra o coronavirus ás crianzas, falouse de que ten que haber unha aposta na presencialidade nos centros para o curso 2021-2022. Malia que todas as autoridades coincidiron en que debe existir flexibilidade ao principio, pouco a pouco camiñarase cara a normalidade.

As medidas non serán individuais, como sucede coas restricións após decaer o estado de alarma, senón que no ámbito educativo haberá unha "permanente comunicación e coordinación entre Sanidade e Educación".

"Enfrontámonos a un inicio de curso totalmente diferente, nun escenario de maior normalidade, aínda que hai que seguir tento en conta determinadas medidas de carácter hixiénico-sanitarias, como o uso da máscara e a limpeza, que debemos manter porque aínda estamos nunha situación de pandemia", comentaron desde Aragón, cuxas declaracións foron das primeiras en facerse públicas.

A Xunta demanda financiación do Estado español

Pola súa banda, o conselleiro de Educación galego, Román Rodríguez, exixiu ao Executivo español que aclare se vai crear un fondo específico para manter o "esforzo económico" que se demanda no próximo curso respecto a todas as pautas de seguridade sanitaria. 

Para Rodríguez, o encontro de traballo foi positivo porque a planificación comeza con tempo como, dixo, solicitaron el e o seu homólogo en Sanidade, Julio García Comesaña. Porén, lembra que Galiza pagou un "gasto extraordinario de 162 millóns de euros" neste curso e desexa saber se haberá apoio no futuro.

"A Xunta da Galiza tomará todas as medidas que sexan precisas para garantir a seguridade nas aulas e a presencialidade", mais incidiu en contar cunha mensaxe concreta do Estado".

O Goberno galego tamén comentou que, aliás das máscaras, é previsíbel que continúen vixentes os grupos burbulla e as distancias de seguridade (que pasa de 1,5 a 1,2 metros), así como a redución do alumnado nas aulas naquelas infraestruturas nas que sexa posíbel.

En calquera caso, Rodríguez pediu tamén un "protocolo de transición cunha visión integral" para ir chegando a unha "progresiva normalidade".

Comentarios