Folga estudantil

O alumnado de Medicina gaña a loita

Estudantado de Medicina en folga (Arxina)

A folga do estudantado da USC fica desconvocada após chegar a un acordo co decanato onde se recollen as súas reivindicacións.

A folga iniciada a pasada terza feira 5 de novembro polo alumando de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela foi desconvocada tras alcanzar un acordo co decanato da facultade no que se recollen a totalidade das demandas do movemento estudantil.

Após unha longa reunión que superou as oito horas, estudantes e dirección da Facultade de Medicina selaron un documento onde, segundo sinalan fontes do alumnado mobilizado, están recollidas todas as peticións que motivaron a convocatoria de folga desenvolvida ao longo da última semana.

Inclúese a redistribución de créditos entre as materias en función da súa extensión e axuste de horas segundo a carga de créditos

As melloras conseguidas baséanse nun cambio nos criterios de avaliación, unha redución da presencialidade, descentralización das prácticas no centro de saúde que se realizan no quinto curso, modificación do plan de estudos e fin ás "vexacións" por parte o profesorado e que o alumnado denunciara.

Así mesmo, inclúese a redistribución de créditos entre as materias en función da súa extensión e axuste de horas segundo a carga de créditos. Tamén se avoga por unha axilización nas convalidacións para obter respostas con maior brevidade, así como a creación de criterios para próximos cursos.

Dereito para ser avaliado en galego

O acordo, composto por 35 puntos, tamén recolle outras reclamacións como un control do absentismo do profesorado, clarificacións en sistemas de corrección, a consulta das datas de exames, que poderán convocarse en sábado, a prohibición de horas de clase extra fóra do horario oficial e o dereito para ser avaliado en galego.

Nun comunicado, a USC expresa o seu apoio "de forma incondicional" ao acordo alcanzado e avanza que, ao longo da próxima semana, manteranse contactos coas asembleas organizadas en diferentes facultades da universidade, como  Maxisterio,  Bioloxía ou Comunicación.