Folga indefinida do estudantado de Medicina

Sentada do alumnado de Medicina no interior da facultade. (Foto: Arxina)

Por un ensino digno e de calidade. O alumnado da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela iniciou esta terza feira un paro indefinido. Busca respostas e solucións a todos os problemas que, segundo denuncia, soportan a diario desde hai varios anos no seu centro de estudos.

A folga, convocada pola organización estudantil Asemblea Aberta de Medicina, concentrou de forma masiva o estudantado de todos os cursos. “O decano sabe das nosas reclamacións e das propostas que hoxe poñemos enriba da mesa para tratar de reverter unha situación caótica que para nada contribúe a unha formación ordenada e de calidade”, aseguran. “Son problemas de vello, que cada nova promoción herda da anterior, porque ninguén permanece tanto tempo na facultade como para esixir dunha vez por todas unha solución definitiva. Se decidimos ir á folga é porque non podemos nin queremos seguir deixando este legado”.

Os problemas máis serios para os futuros médicos e médicas comezan en terceiro. Nese momento non só inician as prácticas senón que a docencia empeza a recaer en persoal clínico que se ve obrigado a moverse continuamente entre o hospital e a facultade. “E moi a miúdo, non aparece ninguén. Temos materias que imparten até 15 profesores, e non habería ningún problema se tiveramos un horario oficial aprobado polo coordinadora de cada displicina indicando cando e quen vai impartir cada aula ao longo de todo o curso” explica o colectivo estudantil.

Falla de planificación e coordinación académica

A falta de coordinación entre o profesorado non só ocasiona un descontrol das aulas e un esforzo extra por parte do alumnado para recuperar clases, e incluso exames, fóra do horario oficial; tamén redunda nunha calidade docente deficiente. “Hai conceptos que se repiten unha e outra vez en diferentes aulas, e outros que pasan totalmente inadvertidos. Non pode ser que non atendan a temas fundamentais como pode ser a exploración básica da paciente. Nos servizos especializados non se explica, porque o seu obxectivo é outro; e coa teoría non abonda. Reclamamos máis talleres prácticos que nos preparen para crear a historia clínica e abordar a paciente de forma integral desde o primeiro momento”.

"Temos materias que imparten até 15 profesores, e non habería ningún problema se tiveramos un horario oficial aprobado polo coordinadora de cada displicina indicando cando e quen vai impartir cada aula".

Desde a Asemblea Aberta de Medicina destacan que a súa loita non é contra o profesorado. Non poñen en dúbida a súa capacidade pero reclaman unha organización eficaz que comprometa os coordinadores de cada materia e cada departamento coas súas responsabilidades. “Case sempre son as delegadas e os delegados de clase os que acaban resolvendo os desaxustes: programan horas lectivas fóra do horario oficial cando hai necesidade de recuperar aulas, fan as listaxes dos grupos de prácticas, suplen a falta de información e de comunicación oficial cando as canles habilitadas non funcionan. E poucas faces o fan, nin a Aula nin o Campus Virtuais son operativos para organizar as nosas axendas como estudantes de medicina”.

Unha vía eficaz

O alumnado de Medicina da USC reclama unha vía eficaz e o compromiso dos responsábeis da facultade para solucionar de forma definitiva os problemas que os estudantes soportan un ano tras doutro. Con este obxectivo presentáronlle varias propostas ao decano, entre as que destacan a redución das clases presenciais e a descentralización das prácticas hospitalarias.

"Propoñemos eliminar as clases que se repiten ou se solapan, e cando sexa posíbel, que poidamos elixir en que área sanitaria facer as nosas prácticas".

“Queremos que a comunicación coa facultade e coa Universidade sexa máis áxil. Queremos acabar coas faltas de respecto cara ao alumnado por parte do persoal docente pero sobre todo queremos optimizar e aproveitar ao máximo o noso tempo de formación. Propoñemos eliminar as clases que se repiten ou se solapan, e cando sexa posíbel, que poidamos elixir en que área sanitaria facer as nosas prácticas. A de Santiago está sobrecargada, e por riba, hai persoas que podendo facer as prácticas de atención primaria na súa zona de referencia, pagan até 200 euros ao mes para poder desprazarse ao seu destino”.