Violencia machista

Alumnado da USC demanda ante a Reitoría a expulsión de Méndez da docencia

Esta cuarta feira un grupo de estudantes demandou ante a Reitoría que se afaste o profesor Luciano Méndez da docencia, após un novo episodio de trato machista cara unha alumna.

Esta cuarta feira, ás portas do reitorado da Universidade de Compostela (USC), ao redor de duascentas persoas concentráronse esixindo que se afaste o docente Luciano Méndez da docencia. Méndez foi suspendido esta terza feira, após ser denunciado por alumnado de Económicas polo seu trato machista a unha estudante. A USC está a investigar os feitos; de aprobarse a sanción ao profesor sería a segunda que recibiría por feitos similares.

A convocatoria, “por un ensino feminista”, comezou ás portas do reitorado da USC. Élia Lago, unha das manifestantes, explicou que demandan “que non se volva repetir o que ocorreu no pasado, que é que volva ás aulas e a reincidir no seu comportamento”. Entón, como desta vez, Méndez sinalara a vestimenta dunha alumna na aula e tratara de humillala. Os feitos xa espertaran a indignación e as protestas do alumnado. “Co seu comportamento Méndez ataca os ideais e os valores propios da Universidade, por iso reclamamos toda a sensibilidade e un compromiso profundo da equipa reitora contra calquera práctica discriminatoria en materia de violencia de xénero”, afirmou Lago.

As manifestantes introducíronse no reitorado ao berro dos lemas “USC, cómplices machistas”, “Fóra machistas da USC”, “Non é suspensión, é dimisión” e “Se tocan a unha, tócannos a todas”. Unha hora despois do inicio da manifestación o alumnado volveu ás portas da reitoría para ler un manifesto.

No manifesto o alumnado esixe “unha resposta contundente e xusta ante unha das súas lacras, un docente que desde fai tempo é coñecido polos seus comentarios e acusacións machistas e misóxinas. O comunicado completo reprodúcese a continuación:

Hoxe concentrámonos neste lugar, o reitorado da Universidade de Compostela, para esixir dunha vez por todas a esta institución unha resposta contundente e xusta ante unha das súas lacras, un docente que desde fai tempo é coñecido polos seus comentarios e acusacións machistas e misóxinas.

Luciano Méndez Naya leva anos acumulando denuncias por diversos ataques contra as mulleres que estudamos nesta universidade e contra as mulleres en xeral, xa que mesmo chegou a difundir un vídeo nas súas redes pedindo a libre absolución para a Manada.

Desta vez, foi unha alumna de economía -valentemente respaldada polas súas compañeiras e compañeiros de aulas- quen tivo que soportar as aldraxes de este individuo. Ademais de amosar o noso apoio e forza á alumna despois deste acontecemento, non imos lamentarnos e quedar de brazos cruzados.

A través das súas propias declaracións, do tipo de “a ver se nos damos conta dunha vez de como son eu” queda clara a ausencia arrepentimento de Luciano Méndez. É completamente consciente dos seus actos, e co mesmo convencemento co que el exerce a súa violencia contra nós, nós esiximos a súa expulsión inmediata desta institución, a cal debería ter acontecido hai xa anos.

Non é a nosa a labor a de enfrontarnos este tipo de individuos, xa que entendemos que debe ser a propia universidade a que tería que plantar cara a quen -baixo a súa responsabilidade- ataca ás alumnas dunha maneira tan explícita e violenta. Xa que isto non acontece, vémonos na obriga de saír á rúa, unha vez máis, para lembrar á USC que non imos ficar paradas agardando a outro episodio coma este. Cantos máis ataques debemos soportar para obter unha resposta xusta?

Esiximos unha universidade libre de violencias machistas. Fóra Luciano Méndez da USC”.

 

Imace Portada: Cedida
Imaxe interior: Europa Press