O aluguer subiu nesta década 30 puntos máis que os salarios

(Gráfico: Nós Diario)
Alugar un piso na Galiza é un 40% máis caro que hai unha década. Un período no cal o incremento dos salarios foi do 10%, 30 puntos por baixo da suba dos arrendamentos. Alárgase pois a fenda entre o que hai que pagar por un aluguer e os ingresos cos que unha familia pode afrontar o custo deste ben necesario. 

O importe medio de aluguer na Galiza en 2014 era de 364 euros ao mes, un prezo que hoxe sería considerado irrisorio. De feito, e segundo o Observatorio da Vivenda da Galiza, o que se paga hoxe en día de media por un aluguer son 518 euros. 

Houbo nestes 10 anos un incremento no prezo do arrendamento na Galiza do 40%. No entanto, a suba dos salarios nese mesmo período ficou en 10%. Se o salario medio anual para as asalariadas e asalariados galegos era en 2014 de 19.824 euros, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), agora esa mesma remuneración sitúase en 21.900. O incremento ao longo da década foi neste caso de 10%. 

Así pois, durante estes dez anos alargouse a fenda entre o que custa un aluguer e os ingresos das galegas e galegos, unha fenda que aumentou 30 puntos, os que van dese 40% de suba do aluguer fronte a 10% de incremento dos soldos.

Este aumento dos arrendamentos non se experimentou por igual en todo o país e mesmo entre as sete cidades hai diferenzas significativas.

Compostela e A Coruña

O prezo do aluguer desde 2014 aumentou un 61% na Coruña, ao pasar dunha media na cidade dos 403 euros mensuais de hai 10 anos aos 651 euros actuais, segundo as estatísticas do Observatorio.

En Compostela ese incremento foi do 58% durante estes dez anos —pasouse dunha media mensual de arrendamento de 390 euros a 619 hoxe en día—;  e en Ferrol do 54%, ao se pagar de media na cidade agora 163 euros máis cada mes con respecto a 2014. En Lugo, a suba durante esta década foi do 53% (pasouse dunha media de 310 a unha de 475 euros); en Pontevedra, de 49%; na cidade de Vigo o incremento no prezo foi do 48%, mentres que en Ourense págase agora un 42% máis que hai 10 anos.

E todo isto mentres se produciu unha importante mingua do número de vivendas e pisos dispoñíbeis para o aluguer —a propia federación inmobiliaria cifra os existentes en toda a Galiza en menos de 3.000— e un aumento case que exponencial das vivendas de uso turístico, que xa abeiran as 20.000, o que é 15.000 máis que en 2019.

Os fogares galegos con atrasos no pagamento de gastos da súa vivenda pasaron do 9% a case o 10% nun ano. Aumentan tamén as persoas que non poden permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada. Do 13,1% en 2021 ao 19,4% en 2022. 

O parque público da Xunta da Galiza está integrado por 3.788 vivendas propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da empresa pública Xestur. Supoñen só o 0,32% das vivendas principais, tres veces menos que a media estatal (0,96%) e 30 veces menos que a da Unión Europea (9,3%)

Mentres o arrendamento entraba nunha espiral de aumento que polo de agora semella non ter freo, o incremento en salarios e remuneracións foi moito máis a modo. O aumento medio nestes dez anos do salario bruto anual foi de algo máis de dous mil euros, segundo o IGE.