Altri reparte folletos publicitarios ante as críticas: "O proxecto é indefendíbel até para eles mesmos"

Folletos repartidos por Altri na comarca da Ulloa (Foto: Nós Diario).
A compañía portuguesa lanza unha páxina web referida ao proxecto que prevé implantar en Palas de Rei na que nega ser unha celulosa de papel.

A sociedade Greenfiber S.L., coa que Altri quere desenvolver unha fábrica de celulosa en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, está repartindo desde esta cuarta feira uns folletos publicitarios na contorna onde se pretende instalar. Nestes, defende a súa factoría como unha planta de última xeración, en liña coas directrices da UE, que situará a Galicia na vangarda dunha nova industria baseada na sustentabilidade, a innovación e a mellora continua.

En resposta, a Plataforma Ulloa Viva cuestionou que a sociedade "non é capaz de defender o seu proxecto" e afirmou que por esa razón realiza "folletos publicitarios coa información do seu propio estudo de impacto ambiental".

"Por que non poñen fotos de plantacións de eucaliptos e de fábricas de celulosas? Pretenden vendernos o proxecto con fotos e vídeos de como está agora a contorna e non de como quedará? Non lles gustan as súas propias vistas? Até se atreven a poñer un peregrino con fondo de monte autóctono, que ten que ver con unha fábrica de celulosa esa imaxe?", pregúntase a plataforma sobre o reparto de Greenfiber.

"Poñen como algo positivo o aproveitamento da chuvia, parece que non coñecen o ciclo da auga, posto que a que que captan da choiva deixará de nutrir o río, o solo e as balsas subterráneas", continúa Ulloa Viva na súa crítica, e remacha: "O seu proxecto é indefendíbel até para eles mesmos sen contar contos, o único fin que buscan é rendibilidade económica privatizando os nosos recursos básicos, aire, terra e auga, e dálles igual o que destrúan o seu paso, dálles igual a contorna e dálles igual a xente".

Menos emprego que en Portugal

Greenfiber recoñece que os empregos directos que xeraría a planta son 500 de diferentes cualificacións, sen entrar máis en detalle. Unha circunstancia sobre a que a CIG denunciou que se trata proporcionalmente de moitos menos postos de traballo que os xerados en Portugal.

A central sindical lembrou que a firma lusa "emprega 774 persoas nunha fábrica de Portugal cunha produción de 1,5 millóns de toneladas de pasta". "Facendo a proporción e atendendo á actual automatización dos procesos produtivos, é fácil concluír que a cifra de emprego directo [na Galiza] é moi inferior", explica a CIG nas alegacións que presentou ao proxecto.

Ademais, a central sindical nacionalista tamén cuestiona nas súas alegacións "os supostos postos de traballo indirectos cando a transformación da madeira, desde a súa corta no monte, non se vai dar en serradoiros, senón na propia factoría". A pesar destas circunstancias, Greenfiber promete que estes empregos indirectos chegaría a 2.000 nos folletos que está a repartir.

Unha web que nega a celulosa de papel

A compañía portuguesa lanzou esta mesma cuarta feira unha páxina web na que debulla os pormenores do 'Proxecto Gama', nome que outorga á iniciativa empresarial que pretende implantar na Ulloa, e nega o aspecto máis controvertido do mesmo: a produción de celulosa para fabricar papel. "Nesta planta extraerase a celulosa da madeira para producir exclusivamente fibras téxtiles e/ou fibras solúbeis, que é a materia prima para aplicacións téxtiles", apunta.

Desde Greenfiber sosteñen tamén que a fábrica "non suporá ningún impacto na fauna nin a flora local", ademais de que se nutrirá de eucalipto "excedentario", polo que "non será necesario incrementar" a superficie desta especie.