Altri suspende todos os encontros coa veciñanza após preguntas e críticas da cidadanía

Xuntanza entre Altri e a veciñanza de Melide, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

A empresa lusa que proxecta unha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa) afirma que suspende as charlas programadas para esta quinta feira "por falta de seguridade", algo que o alcalde de Agolada desminte

Un día despois de comezar unha xeira de xuntanzas con veciñas e veciños dos concellos afectados polo proxecto de instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa) para explicar os detalles do mesmo, a empresa portuguesa Altri xa cancelou varias das citas.

E é que a pasada cuarta feira, 20 de marzo, nas primeiras reunións na propia Palas de Rei e Monterroso (A Ulloa) e esta mesma quinta feira en Melide (Terra de Melide), o persoal técnico de Altri topou con preguntas e críticas da veciñanza, que non aceptou as explicacións da empresa, a cal o cualificou como “actitude agresiva”.


“En ausencia dunhas condicións básicas de respecto de parte dun sector do público asistente á última charla informativa levada a cabo por Greenfiber en Melide, a compañía decidiu suspender as que estaban previstas para esta tarde en Santiso, Agolada e Antas de Ulla”, reza un comunicado oficial remitido pola empresa.

Respecto diso, a portavoz de Ulloa Viva, Marta Gontá, explica a que estas protestas realizáronse de forma totalmente pacífica e tan só se fecharon os actos con berros de "Altri, non", máis aló de portar carteis contrarios ao proxecto.

"Nós consideramos que violencia é que che queiran botar de casa, que che queiran botar das túas terras e nin sequera veñan falar contigo, senón que te teñas que decatar polos medios de comunicación", afirma. Deixa claro que non é violencia "estar sentado no teu sitio cun papel en contra de Altri e deixar acabar un acto para gritar: Altri, non".

Preguntas “de difícil resposta”

Algo que confirma a Nós Diario o alcalde de Agolada (comarca de Deza), Luís Calvo, que afirmou que tivo coñecemento “a falta dunha hora” de que os responsábeis do non acudirían á xuntanza prevista para as 15.30 horas desta quinta feira no salón de plenos do Concello.

Veciñanza de Agolada (Deza), ante a Casa do Concello, onde ía ter lugar a xuntanza que cancelaron os representantes de Altri. (Foto: Nós Diario)

“Como alcalde do Concello de Agolada ofrecín garantir a súa seguridade dentro das instalacións da casa consistorial, e nin así aceptaron acudir”, explica o rexedor a este medio. “Ao mellor algunhas das preguntas teñen difícil resposta. Esta é unha mostra de falta de respecto total coa veciñanza do concello”, censura.

Desde Altri trasladan a súa intención de “explorar cos Concellos novas opcións para informar de maneira personalizada a veciñanza”, así como a distribución de “material explicativo do proxecto” e a habilitación “dunha páxina web”. Polo momento, habilitaron un correo electrónico para que as persoas interesadas poidan trasladar as súas dúbidas.