Allariz, Chantada e Tomiño gañan o certame Premios Vilas en Flor

Festival internacional de xardíns de Allariz

O Concello de Allariz volveu ser galardoado co primeiro premio dos Vilas en Flor, convocado pola Fundación Juana de Vega co apoio de diferentes institucións. Tamén se fixeron coa máxima distinción o Concello de Chantada e o Concello de Tomiño.

Allariz volveu situarse á cabeza dos Premios Vilas en Flor, un recoñecemento que tamén conseguiron Chantada e Tomiño, coas catro flores de honra. Tres flores foron para A Guarda, Caldas de Reis, Cambados, Baiona, Carballo, Lalín, Mondoñedo, Narón, Ponteceso, San Sadurniño, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

A Laracha, Fene, Tui, Oza-Cesuras, O Carballiño, Culleredo, Cuntis, Arteixo, Abegondo, As Somozas, Pontedeume, Sada, Sarria e Vilagarcía foron recoñecidas con dúas flores e con unha flor, Miño, Mondariz, San Xoan De Río, A Pobra De Trives, Curtis,  Ortigueira, A Estrada, Leiro e Coristanco.

O director do movemento Vilas en Flor e director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza, agradece o apoio de Asvinor e Agaexar como entidades organizadoras xunto coa impulsora da iniciativa, a Fundación Juana de Vega. Tamén destaca a implicación da Consellaría de Medio Ambiente.

A iniciativa que comezou a súa andadura no ano 2018, con só cinco participantes, co obxectivo de apoiar as boas prácticas no eido ambiental dos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes. Agora son 39 as localidades que concorren aos premios.

Calaza aclara que Vilas en Flor non é un concurso sobre estética, senón que busca o recoñecemento ao labor que desenvolven os concellos para poñer en valor o medio ambiente, protexer e mellorar espazos verdes urbanos e rurais e contribuír á mellora da calidade de vida dos residentes, así como promover os atractivos turísticos vinculados ao paisaxismo. 

Os premios outórganse en virtude da análise dun xurado multidisciplinar composto por expertos profesionais e especialistas vinculados ao paisaxismo. A través de visitas técnicas a todos os municipios participantes, o equipo valorou aspectos relacionados co patrimonio paisaxístico, o respecto ao medio ambiente, o aproveitamento dos espazos verdes para fomentar a saúde pública, a xestión da auga e dos residuos, as actividades de promoción dirixidas á cidadanía e tamén a xestión turística. 

Festival de Xardíns

Allariz é referencia en paisaxismo e pioneiro na península, xunto co municipio portugués de Ponte da Lima, en organizar un Festival Internacional de Xardíns. Así, cada ano, a vila do Arnoia destina 37.700 m2 a auga, sons, cores e vexetación. Tres hectáreas de natureza, a modo de crebacabezas verde que mantén durante o ano un marco estrutural fixo e renova, cada primavera, doce espazos asignados á creatividade e á innovación de paisaxistas de todo o mundo.