Rosalía inspira a obra gañadora no Festival de Xardíns de Allariz

"O camiño cara á emigración", do equipo Arquiterras, inspirado na obra de Rosalía de Castro, gaña o Festival de Xardíns de Allariz.
Unha vista do xardín gañador.
photo_camera Unha vista do xardín gañador.

Poesía, música, deseño, natureza e tamén reflexión social combínanse en ‘O camiño cara á emigración’, o xardín que resultou gañador no Festival Internacional de Xardíns de Allariz. A obra  galega do equipo Arquiterras, formado por Sara del Río, Johnatan Carreira e Ana Barxa, acadou o primeiro posto nas votacións dos visitantes ao festival, cun 40,7% dos votos.

Este ano, a poesía foi o eixo temático sobre o que xiraron as creacións dos paisaxistas que se presentaron ao certame: Emily Dickinson, Fernando Pessoa, García Lorca, William Blake, Xela Arias e Rosalía de Castro suxeriron ideas para unhas creacións que reunen natureza, arte e cultura.

A obra de Arquiterras suxire, mediante a combinación de cultura e natureza, toda unha panoplia de emocións que abala entre a atracción por un mundo novo e a frustración derivada da imposición da marcha.

Poesía e denuncia: Rosalía e a emigración

Inspirándose no coñecido poema de Rosalía de Castro, “Adiós ríos, adiós fontes”, a obra gañadora do certame quere reproducir a viaxe emocional dun emigrante que deixa a súa terra, reflectindo a voz do protagonista do poema e, ao tempo, conectándoo co noso tempo, na que a emigración volve ser unha realidade para milleiros de mozos e mozas: unha homenaxe aos que se viron obrigados a abandonar o seu país para atopar unha vida digna e, ao tempo, unha denuncia de que a lacra da emigración continúa a azoutar a Galiza,

A entrada ao xardín representa unha parcela representa o país e, a través dos versos do poema, percorre as fontes, a horta, a figueiriña... Ao pasar a igrexa, o visitante atopa cun embarcadoiro: un baleiro ao que enfrontarse ante a vertixe da marcha. Imaxes da Habana, pegadas que sinalan o retorno á terra, ben sexa como realidade ou como desexo. A obra de Arquiterras suxire, mediante a combinación de cultura e natureza, toda unha panoplia de emocións que abala entre a atracción por un mundo novo e a frustración derivada da imposición da marcha.

‘O camiño cara á emigración’ reproduce todo un universo cultural que comeza polo medio natural e continúa cos materiais empregados -madeira, pedra- para continuar até os versos de Rosalía e a súa mirada sobre un fenómeno social que provocou -e dalgunha maneira, aínda provoca- un dano fatal para o desenvolvemento do país. A imaxe de Rosalía deseñada por Rei Zentolo e as adaptacións musicais do poema a cargo de Amancio Prada e Radio Cos completan esa constelación cultural que se desprega a partir da súa obra.

Estimase que visitaron o festival ao redor de 35.000 persoas que deixaron uns ingresos de máis de 33.000 euros

Motor económico

Este ano, paisaxistas da Galiza, do resto da península e de Arxentina, China, Italia, Colombia, Portugal e Alemaña- mostraron as súas propostas. Os case corenta mil metros cadrados dividíronse en doce parcelas: dez para os concursantes, unha para o gañador do ano anterior e outra dedicada a proxectos desenvolvidos polos centros educativos da vila.

Estimase que visitaron o festival ao redor de 35.000 persoas que deixaron uns ingresos de máis de 33.000 euros: o Festival de Xardíns opera así como un elemento máis dun plan de revitalización e desenvolvemento que aglutina patrimonio, natureza e innovación.

Os números mostran o avance do festival, que se converteu nun referente para o mundo da empresa do paisaxismo. O compromiso de asociacións e empresas relacionadas co turismo demostran que o encontro funciona como atractivo turístico mais tamén un motor económico de referencia para o sector.

García Lorca e os poetas malditos tamén levan premio

O segundo lugar na votación do festival, co 13,27% dos votos, foi para o xardín "A poesía das Cousas” do equipo italo-alemán alm_a, que se baseou na obra poética de Federico García Lorca. O terceiro posto, cun 10,07% dos votos, recaeu no transgresor  "Un xardín futurista"  do madrileño Equipo Misture, que se inspirou nos versos dunha serie de poetas malditos para presentar unha "protesta" que é tamén unha "utopía".

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios