Antigas traballadoras da residencia Mi Casa rompen o seu silencio para 'Nós Diario'

"Alí vin xente á que lle faltaban os talóns dos pés polas úlceras e chorreaban sangue"

Lesións de varios residentes de Mi Casa. (Foto: Nós Diario)

As condicións asistenciais e laborais da residencia Mi Casa eran coñecidas en Pazos de Borbén e nos concellos limítrofes. Denuncialas ten sido "sempre unha tentación" de parte das traballadoras do centro. Varias delas achegan hoxe a Nós Diario a súa versión do alí vivido durante a súa etapa como empregadas do xeriátrico.

Luísa é o nome suposto dunha antiga traballadora da residencia Mi Casa, en Pazos de Borbén, que quere agochar a súa identidade real para "evitar problemas". Malia que actualmente desenvolve a súa actividade no sector público, segue tendo medo do vivido durante varios meses no centro de maiores de Pazos de Borbén. Un caso semellante é o de Ana, tamén nome ficticio dunha ex empregada que pasou, practicamente, nove anos en Mi Casa. As dúas, canda outras antigas operarias do centro, explican agora a Nós Diario a súa experiencia en Mi Casa, coa intención de botar luz sobre as condicións asistenciais e laborais do xeriátrico.

Xente con feridas

“As fotos aparecidas estes días nos medios de comunicación non me ensinaron nada que non soubese”, sinala Ana a este xornal, lembrando que “nos meus anos no centro sempre houbo xente con feridas”. “Alí vin xente á que lle faltaba directamente os talóns dos pés polas úlceras e que chorreaban sangue cando os metíamos na ducha”, continúa Ana, que destaca que “non había colchóns antiúlceras, que son necesarios para os usuarios dependentes que botan moito tempo na cama”.

Úlceras "gravísimas"

Luísa recorda “as úlceras gravísimas que vin nos avós da residencia”. A este respecto, significa que “no centro non había parches de protección contra as úlceras, algo que levou a que un día a enfermeira me contestase que aínda que quixese facer as curas mellor, non tiña material con que facelas”. Na mesma dirección, non entendía as razóns que levaban a empresa “a tardar moito en chamar as ambulancias ou derivar os usuarios ao hospital en casos graves”. Traballadoras en activo do sector da dependencia explican a Nós Diario que é unha práctica para evitar que as familias saiban da situación dos seus maiores.

Os problemas de limpeza e a falta de útiles para o aseo dos maiores era unha realidade que denuncian Ana e Luísa. “Cheguei a levar toallas húmidas da miña casa para limpar os residentes e mesmo colonia”, indica Luísa, que critica que a dirección “tiña agochado o papel hixiénico e os cueiros”. “Á xente válida dábaselle un pano de mesa de papel co almorzo e tiña que chegarlle para todas as comidas do día pero tamén para os mocos e, ás veces, para as súas necesidades”, destaca Luísa, quen lembra que “o verán pasado fun á Coruña a visitar unha familiar miña que estaba nun centro e alí atopeime cunha antiga residente de Mi Casa que, tras preguntarlle coma estaba, díxome: aquí polo menos teño papel hixiénico”.

Falta de material

Ana recorda como “as auxiliares traían da casa maquinas de afeitar porque a empresa obrigaba a usar unha única máquina para todos os usuarios”. Ademais, comenta Ana, “as esponxas empregadas para a limpeza dos maiores cortábanse pola metade para atender con elas a máis usuarios”. Asemade, indica que “as vendas das úlceras con sangue dun residente ían á lavandaría e despois volvíanse usar con outros residentes sen esterilizar. E o mesmo pasaba coas taloneiras”. Nese sentido, afirma que “as sabas e as toallas estaban xustas. Moitas veces as toallas particulares dalgúns dos residentes eran empregadas por todos por esa falta de medios”.

A veracidade das fotos

Ana e Luísa non teñen dúbida da veracidade das fotos que recolleron nas súas denuncias diante da Consellaría de Política Social a entidade Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega) e a asociación de usuarios e familiares dos centros de maiores Vellez Digna.Ana afirma que “calquera que traballara ou estivera en Mi Casa sabe que as fotos son certas. A min, o único que me chamou a atención foi o desorde na capela da residencia, xa que para Dona Lucía [refírese á nai de Lucía Pedroso, copropietaria de Mi Casa] era intocábel. As cadeiras de baño rotas ou mesmo as sabas eran as de sempre”. Luísa é da mesma opinión. “É certo que a residencia antes estaba máis limpa e menos abandonada que agora polo que vin nas fotos. Chamoume a atención a situación do espazo do salón de peiteado, porén, non hai dúbida algunha de que as imaxes son de dentro do centro e de usuarios do mesmo”, remata Luísa.

O silencio de Mi Casa

Nós Diario tentou pórse en contacto por vía telefónica en repetidas ocasións coa residencia Mi Casa, propiedade de Lucía Pedroso, para coñecer a súa opinión sobre as declaracións destas antigas traballadoras, non sendo atendidos.