Alfonso Rueda contempla expropiar terras para Altri

Veciñanza de Melide no encontro con Altri, e reunións veciñais, xa sen a empresa, en Agolada, Antas de Ulla e Santiso. (Foto: Nós Diario)
Após as preguntas e críticas da veciñanza de Melide na reunión informativa decorrida na mañá da quinta feira sobre a celulosa de Altri, na Ulloa, os técnicos da empresa portuguesa suspenderon os encontros previstos para a tarde en Agolada, Santiso e Antas de Ulla.
 

A xira de Altri polos concellos afectados polo seu Proxecto Gama para construír unha celulosa en Palas de Rei (A Ulloa) rematou esta quinta feira precipitadamente en Melide (Terra de Melide). Unha hora antes da reunión prevista en Agolada (O Deza), o director técnico do proxecto, Bruno Dapena, chamou os alcaldes de Agolada, Santiso (Terra de Melide) e Antas de Ulla (A Ulloa) para comunicarlles que suspendía os encontros previstos coa veciñanza en cada un destes municipios para expor o proxecto. Media hora despois Greenfiber -a filial galega creada para presentar o Proxecto Gama- emitía un comunicado anunciando a suspensión destas reunións aludindo á “ausencia de condicións básicas de respecto por parte do público asistente”. A empresa mesmo alude no seu comunicado a unha suposta “actitude agresiva” da veciñanza. Extremo este que ofendeu e provocou o rotundo rexeitamento dos alcaldes e mesmo de grupos da oposición municipal como o PP de Agolada. 

A voceira popular, María Carmen Seixas, que acudiu ao acto xunto co grupo local do PP convocada por un bando da Alcaldía, asegurou a Nós Diario non comprender “a actitude da empresa. Nós viñemos como veciños a que nos deran explicacións e en Agolada somos xente civilizada”. Esa mesma defensa da veciñanza repetiuse no caso de todos os alcaldes afectados, que responderon á chamada de Dapena garantindo a educación e o civismo da veciñanza e a seguridade de calquera que asista a informar ao seu concello.

Agolada

En Agolada agardaban polos técnicos de Altri perto dun cento de persoas, que foron coñecendo a medida que se achegaban ao Concello que a empresa suspendera a reunión informativa. Os veciños e as veciñas, afectadas moitas delas pola captación de 46 millóns de litros de auga ao día que Altri quere do encoro de Portodemouros, recibiron con indignación “a falta de respecto e da mínima educación” por parte de Altri. Tamén causaron sorpresa en Agolada as declaracións do presidente da Xunta da Galiza. Alfonso Rueda, preguntado por Nós Diario sobre a información revelada por este xornal sobre o feito de que a empresa non negociara aínda os terreos cos seus propietarios para implantar a fábrica, asegurou que “non sería a primeira vez que houbese que recorrer a outros procedementos”, dixo en alusión á expropiación dos predios afectados polo Proxecto Gama.

Santiso

Ás cinco e media da tarde agardaban na Escola de Música de Visantoña (Santiso) máis de 200 veciños e veciñas. 
O alcalde, Manuel Adán (BNG) tamén recibiu unha hora antes a chamada de Bruno Dapena anunciando que tampouco irían a este concello. Manuel Adán explicou a Nós Diario que “como me dixo que temían pola súa integridade, asegureille que non ía ter problema algún en Santiso, que deberían vir explicar o proxecto e que eu non ía desconvocar os veciños e as veciñas”.

Melide

A primeira e última parada da xornada de Altri foi Melide. Logo da exposición da empresa, a rolda de preguntas da veciñanza volveu pór contra as cordas o equipo de Bruno Dapena. O Camiño de Santiago, a afectación de Altri e a súa importancia socioeconómica en Melide centrou parte das dúbidas dos asistentes, empresarios moitos e hostaleiros, conscientes de que a actividade da celulosa pode tirar ao traste cos seus negocios e os empregos que “nós si xeramos e máis que podemos crear”, reprochou un veciño. 

Os técnicos argumentaron como única medida prevista no proxecto “un cinto verde con especies autóctonas” ao redor do complexo de Palas de Rei, e “non contemplamos” desvíos de peregrinos, co que á veciñanza da zona quedoulle claro que a fábrica “formará parte da ruta, e acabará con ela”.

Na zona preocupa ademais o subministro eléctrico da fábrica, que segundo explica o proxecto será proporcionado pola subestación de Melide. Ao respecto, os técnicos de Altri circunscribiron esta liña eléctrica “só durante a construción da planta”, o que provocou a indignación veciñal diante da falta de concreción nun tema tan sensíbel como as liñas de Alta Tensión. Ao respecto doutro tema sensíbel na zona, como a biodiversidade de flora e fauna afectadas pola celulosa, desde o público preguntaron aos técnicos se no equipo que deseñou o proxecto non había polo menos un biólogo. A negativa por resposta e os xestos dos comparecentes remataron por provocar risas entre público da Casa da Cultura, “nin iso tiveron en conta, impórtalles ben o dano que queren causar”, escoitouse diante do silencio dos representantes de Altri.

Agolada

A gran captación de auga que Altri demanda para a fábrica de Palas de Rei é unha das preocupacións do Proxecto Gama en Agolada e Santiso, os concellos directamente afectados por este tema. En Agolada, os veciños e as veciñas da parroquia do Sexo (onde Altri prevé verter 30 millóns de litros de auga tratada na súa planta ao día), presentaron o mes pasado masivamente alegacións á captación diante de Augas da Galiza, tanto polo volume da captación como pola vertedura. Na reunión falida de Agolada, diante do Concello, o xeógrafo Antonio Presas formulou algunha das cuestións que pensaba preguntar aos técnicos de Altri, centradas na condensación da auga na planta, a temperatura de 30 graos á que prevén facer as verteduras no río Ulla e "o feito incomprensíbel de que collan tanta auga para devolver dous terzos ao río, se é tan bo o tratamento por que Altri non a recicla na planta para reutilizar”.

Santiso

En ausencia de Altri e diante de centos de veciños e veciñas foi o alcalde de Santiso quen tomou a palabra para explicar o acontecido. Marta Gontá, voceira da Plataforma Ulloa Viva, explicou que “somos os primeiros sorprendidos” polo acontecido, “non lles vamos consentir que nos chamen violentos, violentos son eles que nos queren expropiar as terras e botar das nosas casas”. Gontá ofreceu aos veciños e ás veciñas de Santiso toda a información ao respecto do proxecto de Altri que está no Diario Oficial da Galiza (DOG) desde o 4 de marzo. No caso de Santiso, o municipio está ademais afectado pola captación de auga que pide Altri do encoro de Portodemouros, cuxas tubaxes de 12,5 km atravesarán este concello desde Agolada até Palas de Rei. Santiso estaría ademais a catro quilómetros en liña recta da macrocelulosa e a súa cheminea de 75 metros.

Medo ás expropiacións

As últimas información ao respecto das posíbeis expropiacións dos terreos afectados polo proxecto de Altri levantaron ao longo de toda a xornada os medos de moitos dos propietarios e das propietarias dos 800 predios que aparecen no proxecto como afectados polas distintas actuacións que Altri quere levar a cabo na zona. Os veciños e as veciñas que acudiron esta quinta feira tanto a Agolada coma a Santiso para ser informadas polos técnicos, formularon as súas dúbidas aos responsábeis municipais e aos membros da Plataforma Ulloa Viva, que si asistiron a estes encontros. Todas coincidiron en criticar que ninguén da empresa se puxo neste tempo en contacto con elas para informalas dos predios que ían precisar, tanto para a captación e transporte da auga cara a Palas de Rei como os terreos precisos para a fábrica. Bruno Dapena en Palas non tranquilizou os propietarios ao respecto. Moitos aseguraron ademais a Nós Diario que "temos atopado pas facendo catas en terreos nosos sen permiso algún, e ninguén da empresa negociou nada con nós neste tempo”. 

Isabel Pereiro, de Agolada, explicou a Nós Diario que soubo a través do proxecto "que teño catro predios afectados, e non sei se mos van expropiar”. Temen a declaración de utilidade pública que a Xunta publicou no DOG o 4 de marzo xunto coa Declaración de Impacto Ambiental. “Non sabemos moito, pero si nos informamos de que se a celulosa vai adiante pódenos  expropiar”, explicou a Nós Diario Xosé Ramón, veciño de Brocos (Agolada). “Non falaron con nós, está pasando o mesmo que cando foi do encoro en 1968, que nos botaron das nosas casas coa Garda Civil por diante".

Os Concellos critican Altri por faltarlles ao respecto

A "fuxida" dos técnicos de Altri na zona afectada pola celulosa que proxectan na Ulloa non só provocou a indignación dos veciños e das veciñas senón que mesmo foi quen de pór de acordo os tres alcaldes dos municipios onde se cancelaron os encontros: Luís Calvo (Agolada, Partido Anticorrupción y Justicia), Manuel Adán (Santiso, Bloque Nacionalista Galego) e Pilar Porto (Antas de Ulla, Partido Socialista). En declaracións a Nós Diario os tres coinciden en afear á empresa “as formas, a falta de educación e as escusas pretendendo culpar e chamar violenta á veciñanza. Confunden violencia con liberdade de expresión”. Destacan que a veciñanza “leva dous anos esperando que a empresa veña informala de algo que a afecta directamente e que só coñecemos por titulares de prensa”.
Da axenda de seis encontros previstos por Altri en dúas xornadas, finalmente só se celebraron os dous primeiros, na cuarta feira, en Palas de Rei e en Monterroso, ambos gobernados polo PP e nos que a veciñanza acudiu realizar preguntas e rexeitou pacificamente, amosando pancartas, a instalación da celulosa. 

O primeiro encontro da quinta feira en Melide foi a escusa que os catro técnicos de Altri empregaron para suspender o resto de reunións previstas. Segundo informaron a Nós Diario veciños da zona, ao mediodía, logo da reunión de Melide, viron os técnicos comendo nun restaurante de Palas de Rei desde onde fixeron o comunicando aos alcaldes cancelando as reunións da tarde. Segundo explicou a Nós Diario a alcaldesa de Antas de Ulla, o propio director do proxecto “non estaba convencido de facer as reunións abertas a toda a veciñanza, propuxo reunións de un en un cos veciños, e díxenlle que non, que debían dar explicacións a todos e a todas".