Alertan de eivas no transporte escolar en Teo

Concentración diante do IES de Cacheiras, no concello de Teo. (Foto: Nós Diario)
Advirten do incumprimento dos servizos por parte da UTE composta polas empresas Monbus e Seoane.

A  Asociación de Nais e Pais (Anpa) do IES de Cacheiras, concello de Teo, organizou unha concentración de protesta contra o "incumprimento sistemático" do contrato da empresa de transporte escolar, xa que, desde inicios de 2022, o servizo encóntrase en mans dunha nova Unión Temporal de Empresas (UTE) composta por Monbus e a empresa de transporte Seoane que non cumpre os servizos.

Segundo a Anpa, desde que esta nova concesionaria pasou a prestar este servizo "non hai día que non teñamos un problema con algún dos buses". Denuncian que 31 rapazas e rapaces teñen que agardar á saída do IES a que "un dos buses finalice o seu percorrido e pase de novo a recollelas, o que supón, no mellor dos casos, unha espera duns 20 minutos". "Os atrasos na chegada dos buses son diarios, podendo superar en algunha ocasión os 40 minutos nalgunha das liñas", engaden. 

Reclaman medidas por parte da Xunta

A Anpa mantivo varias reunións con responsábeis da Consellaría de Educación e das empresas concesionarias. Solicitan que a Xunta tome medidas e faga que as empresas adxudicatarias cumpran co contrato e, se for preciso, que impoña sancións.

Debido á falta de medidas por parte da empresas concesionarias e do Executivo galego, a Anpa decidiu "pasar á acción".

En declaracións a Nós Diario, Clara Castilla, presidenta da Anpa do IES de Cacheiras, informa da situación: "Chegou a haber rapazas e rapaces que non foron nin sequera recollidas polo bus, xa que hai liñas que están moi saturadas. Monbus debería proporcionar dous autocares mais só hai un". "92% do alumnado do IES de Cacheiras utilizan o transporte escolar o que supón un total de máis de 600 alumnos polo que é esencial que o transporte escolar funcione correctamente", manifesta Castilla.

Boas palabras mais ningunha solución

Tamén informa que "foron moitas as chamadas que realizamos ás empresas e á Xunta e a resposta que dan é que están intentando arranxar o problema, mais non temos solucións, tan só boas palabras". Ademais, Castilla engade que "a responsabilidade principal é da Consellaría de Educación, que foi a que concedeu a concesión do transporte" e afirma que en caso de que non haxa solución antes da próxima sexta feira, teñen unha carta preparada para enviar á Valedora do Pobo