Alertan do posíbel dano eólico a un monte "con pegada pondaliana"

Unha imaxe do observatorio ornitolóxico no esteiro do Anllóns. (Foto: Rede Galega Rural Vivo)
A Rede Galega por un Rural Vivo amósase preocupada polo proxecto en marcha para o monte das Salgueiras, no concello de Ponteceso.

"Podemos cualificar de demencial a proposta de instalar un parque eólico no monte As Salgueiras". As e os membros da plataforma Rede Galega por un Rural Vivo denuncian a través das redes sociais o que consideran unha ameaza, xa non só para o medio ambiente, senón para o patrimonio inmaterial. Afirman que a zona ten unha "pegada pondaliana" cuxo valor podería estar en risco de seguir adiante a iniciativa para crear o polígono enerxético.

As protestas polo boom eólico na Galiza sucédense e as representantes de Rural Vivo -que mantén activa a proposta Aldeas con horizonte na páxina web de Change.org- amosaron esta sexta feira a súa preocupación polos terreos forestais da área do municipio de Ponteceso.

"As Salgueiras, Monte Branco, Balarés, Gondomil, Currás, A Furoca, Vilar de Montes... Todas paisaxes pondalianas", enumeraron ao falar de que existe unha empresa interesada no aproveitamento eólico nesa zona.

O colectivo remarcou que o plan industrial ocuparía "espazos de interese paisaxística" recollidos mesmo no Plan de Ordeamento do Litoral. Tamén afectaría a contorna do río Anllóns, pois habería aeroxeradores "a menos dun quilómetro" do seu esteiro e da duna Monte Branco.

No lugar mesmo hai un espazo de observación das aves, como amosan en varias fotografías. "A calidade paisaxística da área de actuación, unha das máis representativas da paisaxe costeira galega e identificativa da Costa da Morte, veríase irremediabelmente estragada", advertiron, nunha chamada á mobilización social e nun aviso á Administración.

De feito, se o parque As Salgueiras chega a ser unha realidade previron perdas patrimoniais -tanxíbeis e inmateriais como as ligazóns con Pondal- pero tamén no sector do turismo.

"No século XV os feudais roubaban as terras aos labregos e labregas", reflexionaron, para concluír: "Seis séculos despois pasa exactamente o mesmo, as promotoras eólicas utilizan as terras de labregas sen indemnizar ou expropiando por ser de utilidade pública".