A Plataforma Salvemos os Penedos, formada por varias asociacións culturais e ecoloxistas, realizou na xornada de hoxe o encontro “Poesía polos penedos” , co obxectivo de difundir as decenas de persoas que se achegaron ao lugar, a importancia dos Penedos de Traba e Pasarela que se atopan entre os concellos de Laxe e Vimianzo.
Este “conxunto xeolóxico e paisaxístico único, que representa un dos principais bens patrimoniais de ambos concellos, mais tamén da Costa da Morte e da Galiza”, sinalan desde a organización, vense ameazados polos proxectos dos parques eólicos de Monte Chan e Pena dos Mouros.
Estes proxectos, da man da empresa EDP Renewables, contemplan a instalación dun total de 16 aeroxeneradores que afectarían directamente aos penedos, xa que un dos aeroxeneradores está previsto ser instalado sobre o espazo catalogado como Paisaxe Protexida da Rede Galega en 2009.
Ante esta situación, a plataforma realizou hoxe unha ruta até os penedos acompañada da música do grupo Trubisquiñas de Vimianzo. Unha vez chegados ao espazo natural, a carón da Pedra Multiforme, comezou ao mediodía o recital de poesía presentado por Xurxo Souto e co acompañamento musical de César Morán, no que participaron destacadas escritoras e escritores da literatura galega, moitas delas vinculadas á Costa da Morte, e que de xeito desinteresado, quixeron que a súa voz soase en defensa desta incomparable paraxe dos Penedos.
Rematado o recital iniciouse a ruta polos penedos guiada polo xeólogo e profesor Juan Ramón Vidal Romaní, que conduciu as participantes polas singulares formas graníticas que forman os Penedos de Traba e Pasarela.