Baixas por sobrecarga de traballo e estrés laboral no persoal das Residencias da Xunta

Residencia de maiores (SG)

CIG responsabiliza da situación a “nefasta xestión” da Consellaría de Política Social.

Cadros de persoal insuficientes, non se respectan as ratios de persoal, non hai cobertura do persoal mediante as listaxes de sustitucións temporais que describen desde a CIG nas residencias de persoas maiores da Xunta de Galiza e que se traduce, denuncian, en baixas por sobrecarga de traballo ou estrés laboral entre traballadores e traballadoras.

“Nos centros da provincia da Coruña pode quedar unha enfermeira e dúas auxiliares ao cargo de case 200 residentes con diversos graos de dependencia ou patoloxías psicoxeriátricas, nunha quenda de tarde, de noite ou as fines de semana”, alerta o sindicato . “Moitas veces sen persoal médico para as urxencias e tendo que chamar o 061 para a atención das urxencias”, engaden.

Afirman que a falta de persoal altera horarios e afecta calidade das persoas residentes.“A situación de deterioro xeral na atención os maiores dependentes nas residencias públicas da terceira idade, centros de día, centros de menores e escolas infantís xestionados pola Xunta é insostíbel e inaceptábel e constitúe unha mingua da calidade asistencial e compromete a seguridade e a saúde do persoal”.