#AlertaFeminista perante a aprobación da reforma da lei do aborto

[Imaxe Galiza ContraInfo]

A Plataforma galega en defensa do dereito ao aborto convoca concentracións en vilas e cidades coincidindo coa aprobación do anteproxecto de reforma no Consello de Ministr@s. 

 

Após os informes emitidos polos órgaos consultivos que exixe a lexislación para proceder á presentación do proxecto de lei, o goberno español podería levalo ás Cortes o vindeiro mes de xullo. E todo apunta que así será. 

Desta maneira o executivo de Mariano Rajoy aproveitaría o período vacacional e de escasa actividade institucional para aprobar unha das reformas máis rexeitadas nas rúas do Estado español. De igual maneira que fixo coa presentación do propio anteproxecto, que anunciou no mes de decembro coincidindo coas ferias de Nadal. 

Desde a Plataforma galega en defensa do dereito ao aborto lanzaron através das redes sociais unha #alertafeminista coa que advirten da inminencia da reforma. Aliás, convocan concentracións, din, no mesmo día en que o executivo dea luz verde á proposta. Serán ás 20.00 horas. 

HORAS E LUGARES

  • Vigo: Farola de Urzáiz
  • Coruña: Obelisco
  • Pontevedra: Praza da Peregrina
  • Compostela: Diante do Parlamento
  • Ourense: Subdelegación do Goberno
  • Ferrol: Praza do Concello
  • A Mariña: diante do Concello de Ribadeo
  • Cangas: diante do Concello (19:00h)