O Goberno español aprobará en xullo a reforma da lei do aborto máis restritiva

O texto involúe para alén de 1985 e recupera os supostos. O Ministerio de Xustiza incluirá, finalmente, a malformación do feto entre as opcións para interromper o embarazo. A Plataforma galega polo dereito ao aborto xa convocou mobilizacións. 

 

A repenalización do aborto será aprobada en xullo e esta sexta feira (27 de xuño) previsibelmente o Consello de Ministr@s dará luz verde ao texto definitivo da reforma.

Así o avanza esta segunda feira (23 de xuño) o diario español El País, que cita fontes ministeriais. O texto lexislativo incluirá finalmente a malformación do feto entre os supostos para interromper a gravidez mais non o fará de maneira explícita. De acordo coa información publicada polo rotativo madrileño o Ministerio de Xustiza redactará a nova lei de maneira que as mulleres poidan facelo sen teren que acreditar previamente prexuízos psicolóxicos. 

Desta maneira o executivo resolve un dos puntos máis conflitivos do anteproxecto de lei que mesmo xerou un profundo debate nas ringleiras do Partido Popular. Porén, o texto normativo continúa a ser o máis restritivo e involúe --en termos xurídicos-- para alén da lei de supostos aprobada en 1985 pois as mulleres terán que someterse a un longo percorrido administrativo para abortar e constituirá un delito facelo fóra dos supostos marcados polo goberno. Cómpre lembrar que após a reforma de 2010, as mulleres podían interromper de maneira voluntaria o seu embarazo durante as primeiras 14 semanas de xestación. 

O Consello de Ministr@s previsibelmente aprobará o anteproxecto de lei de reforma esta sexta feira (27 de xuño)

En troca, a partir da aprobación do Anteproxecto de lei para os dereitos do concibido e da muller grávida estas só poderán facelo en caso de malformación ou graves prexuízos físicos ou psicolóxicos para nai. No último caso, a reforma contempla a obriga de acreditar os devanditos danos con até dous informes emitidos por dous profesionais distintos. Para alén da tramitación do procedemento administrativo posterior que exixe recibir asistencia social personalizada e "reflexionar" durante unha semana. 

No caso das menores de idade o executivo prevé manter a súa postura inicial. Desta maneira obrigará ás mulleres de 16 e 17 anos a comunicarlle a decisión de abortar @s seus proxenitores. De non contar co seu apoio será a xustiza quen decida, após unha vista xudicial. Se ben o texto afirma que primará a vontade da menor, a última palabra será da xuíza ou xuíz. 

A PGDA convoca accións para esta sexta feira

Desde a Plataforma galega polo dereito ao aborto lembran manteñen o seu rexeitamento ao anteproxecto de lei anunciado polo goberno español pois supón, din, "que a liberdade das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo se vexa permanentemente axuizada".

Neste senso, exixen a súa retirada e avanzan a convocatoria de novas accións e concentracións coincidindo coa aprobación do texto definitivo da reforma polo Consello de Ministr@s e coa entrada da nova lei nas Cortes.