Alerta 2 na Paradanta pola proximidade das chamas a un núcleo de vivendas

Brigadistas e veciñanza intentan controlar as chamas no incendio que esta semana afectou Castrelo de Miño e Cartelle (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Un incendio forestal activo na localidade de Arbo (A Paradanta) obrigou a activar a situación 2 de alerta por proximidade do lume a un núcleo de vivendas da parroquia das Searas. Os equipos de extinción tamén traballan nun incendio activo no municipio de Oímbra (Comarca de Verín).

Un incendio forestal activo na localidade de Arbo (Paradanta) obrigou a activar a situación 2 de alerta por proximidade do lume a un núcleo de vivendas da parroquia das Searas.

O lume, iniciado ás 3.17 horas deste sábado na parroquia de Mourentán, calcinou polo momento 11 hectáreas, segundo as primeiras estimacións da Consellaría do Medio Rural.

No lugar traballan nestes momentos dous axentes, 14 brigadas, 10 motobombas, unha pa, dous avións e tres helicópteros. O alcalde do municipio, Horacio Gil, asegurou que as condicións meteorolóxicas nestes momentos son "moi adversas" con "moito vento e altas temperaturas".

Ademais, sinalou que están a aparecer focos en distintos puntos "seguramente polo efecto do vento". Así mesmo, o rexedor confirmou que polo momento non foi necesario evacuar aos veciños da parroquia das Searas, onde o incendio se atopa máis próximo.

Activo un incendio en Oímbra (Comarca de Verín)

Un incendio activo no municipio de Oímbra (Comarca de Verín), parroquia homónima, arrasou xa unhas 20 hectáreas, segundo estimacións provisionais da Consellaría de Medio Rural.

O lume iniciouse ás 23 horas da sexta feira. Nas tarefas de extinción traballan oito motobombas, cinco axentes, 12 brigadas e unha pa. Este mes en Oímbra tamén houbo outros fogos, xa extinguidos, nas parroquias de: Rabal, con 2.100 hectáreas queimadas; Videferre, 919 hectáreas; e San Cibrao, 370 hectáreas.

Pola súa parte, a Consellaría de Medio Rural deu por controlado na mañá deste sábado o lume en Castrelo de Miño (Ribeiro), parroquia de Barral, que queimou xa unhas 200 hectáreas.

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, sinalou que, tras unha vaga de fogos hai dúas semanas provocada por raios, na última semana volveron os incendios dunha "tipoloxía máis tradicional", xa que apunta á súa "intencionalidade".

Respecto diso, refírese a un lume que tivo lugar na sexta feira no municipio de Maside (O Carballiño) cunha "clara intencionalidade". De feito, indica que non se pode falar dun incendio "estritamente forestal" porque se produciu "a 100 metros das casas".