Alejandro Pazos: "As empresas que máis diñeiro gañan en bolsa non traballan con petróleo; son as que manexan datos e informacións"

O catedrático de Computación e Intelixencia Artificial da UDC, Alejandro Pazos (Foto: La Diapo)
O catedrático de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña (UDC), Alejandro Pazos, vén de participar no debate “Big Data e Intelixencia Artificial: son os meus datos o novo petróleo?”, organizado polo Centro de Visión por Computador (CVC), da Universitat Autònoma de Barcelona. En conversa con 'Nós Diario' fala do crecente interese polos datos por parte de empresas e institucións.  

Cal é a razón de que os datos teñan tanto valor hoxe en día?

Vivimos na sociedade do coñecemento. Aquilo de máis valor pasou dos elementos tanxíbeis, como pode ser o ouro, ao propio coñecemento e a saber facer as cousas. Para poder obter coñecemento primeiro é preciso dispor de datos e informacións, agora mesmo o motor máis importante para facer avanzar a sociedade.

Como foi posíbel?

Actualmente as empresas que máis diñeiro gañan en bolsa son as que manexan datos e informacións, non traballan con petróleo ou silicio. Hoxe en día mesmo está a mudar o patrón das moedas. Antes tiñan o patrón ouro no sentido de que un país podía emitir tanto diñeiro en función de canto ouro tivese no seu tesouro nacional. Era a maneira de emitir os billetes ou as moedas que tiñan os países. Se emitía de máis, a moeda desvalorizábase e, se emitía de menos, revalorizábase, mais sempre ligada á cantidade de ouro no banco de cada país. Hoxe xa non é así.

As moedas están en función da confianza que hai en que se recuperen. De feito, xa temos circulando as criptomoedas, que non teñen ningún patrón nin nada tanxíbel tras delas, hai a confianza de que alguén che vai pagar por telas. Ter datos é valioso hoxe por xerar confianza.  

A sociedade é consciente desta situación?

Non somos conscientes e ademais regalamos moito deste material valioso. Facilitamos de forma consciente e inconsciente que alguén pode empregar para o seu beneficio propio e de forma allea aos nosos intereses e mesmo ser totalmente contrarios. Temos os nosos teléfonos motorizados continuamente. Emitimos sinais que indican onde estamos en cada instante. Grávannos nas rúas, cando accedemos a aeroportos ou estacións. Ademais damos os nosos datos a calquera sitio web que nolos pide, subimos as nosas fotografías a calquera rede social, participamos en debates en redes sociais... e todo queda rexistrado. 

Cunhas ferramentas adecuadas, pódeselle estar proporcionando un coñecemento a determinadas empresas ou institucións que o poden empregar ao seu favor de moitas maneiras: influíndo na nosa intención de voto, como se demostrou non hai moito, ou polas compañías de seguros para subir a nosa cota. Algo que en principio puido ser moi útil, como esa aplicación para detectar as persoas que tiveron Covid-19, nalgún momento se chegan eses datos a unha compañía de seguros, igual non quere asegurarche ou muda o prezo. As administracións teñen a obriga de defendernos, mais nós somos os principais responsábeis e os que podemos facer por preservar mellor a nosa intimidade.  

Como está a lexislación neste tema? 

A intelixencia artificial o que fai é analizar dunha maneira moi eficiente grandes cantidades de datos, o que se coñece como big data, en relacións que aínda nin sequera se sospeitan e sen o consentimento das persoas. Hai un borrador da Unión Europea que aínda non se levou ao Parlamento Europeo, onde se ten en conta esta situación.

Que oportunidades hai coa introdución da intelixencia artificial? 

En calquera ámbito do sector produtivo estanse empregando técnicas de intelixencia artificial en datas de cara a facer diagnóstico, ben sexa industrial ou médico, por exemplo. Fanse predicións de acontecementos como poden ser os modelos que van desde a bolsa á curva da Covid-19 e foron bastante exactos os modelos matemáticos. Mais son ferramentas e estamos moi lonxe de ter unha substitución da intelixencia artificial pola intelixencia natural.