O gasto das empresas galegas en innovación tecnolóxica é agora menos da metade que antes da crise

En 2014 non chegou a 467 millóns de euros, a cifra máis baixa desde que hai rexistros (2005). En 2008 ese investimento superaba os mil millóns de euros.

laboratorio

A innovación tecnolóxica é fundamental para que o motor da economía ande con xeito. Mais en Galiza este motor está gripado. Así o indican os dados do IGE, que indican que o gasto das empresas galegas neste apartado en 2014 é o máis baixo desde 2005 e fica moi, moi por baixo do que se destinaba antes da crise. O anom pasado as empresas galegas gastaron en innovación tecnolóxica 466,5 millóns de euros. En 2008 -cando a crise comezaba a ensinar as gadoupas- ese gasto superaba os 1.002 millóns de euros. Desde aquela, 2008, comezou a caer progresivamente.

Mais, que é a innovación tecnolóxica? Pois son todas as actividades científicas, tecnolóxicas, de organización, financeiras e comerciais, incluíndo a inversión en novos coñecementos, destinadas á introdución de produtos (bens e servizos) ou procesos novos ou sensiblemente mellorados. A I+D (investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico) constitúe unha destas actividades innovadoras, aínda que non é a única. Tamén se inclúe aquí adquisición de maquinaria e equipo relacionados con produtos e procesos tecnoloxicamente novos ou mellorados, a adquisición de tecnoloxía inmaterial, o deseño e enxeñaría industrial, etc...

I+D+i

Galiza leva anos a ver como mingua a súa aposta pola Investigación, o desenvolvemento e a innovación. Os dados de 2013 sinalan que o gasto neste apartado apenas supuxo o 0,85% do Produto Interior Bruto (PIB), un recorte a respecto do ano anterior, que fora de 0,88%. Ese 0,85% supón que o noso país fica por baixo da media estatal (que anda por volta do 1,3% do PIB) e moi afastada da media da Unión Europea, onde esa aposta supón case máis do 2,1 por cento do PIB. Cómpre lembrar que no plan estratéxico deseñado pola Consellería de Facenda para Galiza sitúa como horizonte en 2020 un investimento do 3%.

Comentarios