sábado 06/03/21

A vixilancia biométrica xa está aquí

A Comisión Europea traballa nunha proposta de lei sobre Intelixencia Artificial que regulará a recompilación de datos biolóxicos da cidadanía por parte de Gobernos e de empresas. Unha trintena de organizacións lanzaron hoxe unha recollida de sinaturas para que "o noso futuro o elixamos nós e non os algoritmos".
reconhecemento_facial_flickr_YOWhatHappenedToPeace
Mural sobre recoñecemento facial nun edificio do barrio de Hollywood, en Los Angeles, Estados Unidos (Foto: YO! What Happened To Peace?)

"O recoñecemento facial pode ser e será usado contra cada un de nós polos Gobernos e polas empresas, con base en quen somos e na nosa aparencia", apuntan desde a campaña Reclaim Your Face ("Reclama a túa cara"). E din: "Unha prohibición na vixilancia biométrica masiva é a única solución para un futuro onde as nosas eleccións sexan feitas por nós, non por algoritmos". A iniciativa, impulsada por unha trintena de grupos, busca este veto na UE

A Comisión pretende anunciar unha proposta de lei sobre Intelixencia Artificial (IA) no primeiro cuarto deste 2021, cun triplo obxectivo: "situar Europa na vangarda do desenvolvemento tecnolóxico e incentivar os sectores público e privado a adoptaren a IA" en eidos chave como a enerxía, o transporte ou a sanidade; "prepararse para as mudanzas socioeconómicas que traerá a IA"; e "asegurar un marco ético e legal apropiado", sinala na súa web.

Precisamente é neste terceiro punto onde incide Reclama a túa cara. "Os Gobernos, as forzas policiais e as empresas usan aparellos de gravación (como cámaras CCTV) e software de recoñecemento facial para recompilar os nosos datos biométricos. Isto quere dicir que nos poden rastrexar dun lugar a outro usando as nosas características únicas para identificarnos permanentemente", explican. "Trátannos como códigos de barras andantes", sentencian.

A biometría dunha persoa son os datos biolóxicos que nos fan únicos, tanto físicos como de comportamento. Pegadas dactilares, ADN, veas e forma das mans, iris e retina dos ollos, a voz, a forma da cara; ou a maneira en que camiñamos ou mesmo como escribimos nun teclado poden ser usados para predicir actitudes ou facer valoracións de cada persoa. 

E a medida que avanza a tecnoloxía, as cámaras e outros dispositivos de vixilancia biométrica convértense en ferramentas de control moi poderosas ─denuncian desde as organizacións polos dereitos civís─ dada a súa potencialidade en réximes represivos. 

Círculo vicioso  

Reclama a túa cara, da que fan parte organizacións con presenza en toda a UE, como Liberties (Unión polas Liberdades Civís de Europa) e EDRi (Dereitos Dixitais Europeos), pretende recoller un millón de sinaturas. De logralo podería tomar parte directamente no proceso lexislativo.

Segundo denuncian, hai numerosos casos onde a vixilancia biométrica resultou en violacións da protección de datos na UE, conculcándose  dereitos "de privacidade, expresión, protesta e a non ser discriminado". O pasado decembro, a Axencia polos Dereitos Fundamentais da UE (FRA) emitiu un informe identificando "deficiencias no uso da IA, por exemplo en policía preventiva, diagnoses médicas, servizos sociais e obxectivos publicitarios".

"A UE ten que deixar claro como se aplican as regras actuais á IA. E as organizacións teñen que avaliar como as súas tecnoloxías poden interferir cos dereitos das persoas tanto no desenvolvemento como no uso da IA", sinalaba o director do FRA, Michael O’Flaherty.

Para as organizacións detrás de Reclama a túa cara, ademais, saberse controlado afecta a nosa forma de ser. "Cando estamos vixiados, mudamos o noso comportamento e autocensurámonos", din. E "cando somos categorizados, somos xulgados e discriminados", engaden. Un "círculo vicioso" onde os "poderosos" asumen máis poder fronte a unha cidadanía "indefensa".

Gravación global

O control biométrico está cada vez máis estendido no mundo. O maior risco vén cando é usado para o control masivo da poboación. O caso máis paradigmático é o da China, o país con máis cámaras de vixilancia por cidadán (unha cada 12) e onde se calcula que en 2023 acumulará 45% do mercado da tecnoloxía de recoñecemento facial no mundo, segundo un informe elaborado con datos das estadounidenses Fondo Carnegie para a Paz Internacional e Fundación Fronteira Electrónica e a alemá Algorithm Watch.

Mais non é o único, todo o contrario. O informe recolle que na UE, só Bélxica e Luxemburgo prohiben o seu uso (canda a Marrocos, os únicos tres Estados do mundo que o fan, aínda que no africano a moratoria rematou a finais de 2020). Na cidade francesa de Niza, por exemplo, hai unha cámara por cada 352 residentes. 

Nos EUA, 50% da poboación está xa en bases de datos policiais de recoñecemento facial. En Rusia, hai 100.000 destas cámaras só en Moscova, onde están a ser usadas para controlar os confinamentos pola Covid. E Gaza está vixiada biometricamente por Israel. 

En África, países como Kenya e Uganda investiron centos de millóns de dólares en comprar á chinesa Huawei a tecnoloxía. Até 37 cidades do Brasil son controladas con CCTV de recoñecemento facial. E en Australia valorase usalas para verificar a idade dos usuarios de pornografía en internet. 

comentarios