Medio Ambiente

Aberto durante o próximo mes o prazo de alegacións ambientais á planta de Altri en Palas: así sería o proxecto

Plantacións de piñeiro e eucalipto na Fonsagrada. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O Consello da Xunta declarou este proxecto industrial como estratéxico en decembro de 2022. A finais de 2023, a compañía presentou a documentación necesaria para a tramitación da autorización ambiental. Todo iso mentres diferentes entidades ecoloxistas alertaron nos últimos días do impacto ambiental que se derivará destas instalacións.

A Xunta da Galiza somete esta segunda feira a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA) e mais a declaración de utilidade pública da futura fábrica de fibras téxtiles que a compañía lusa Altri proxecta no municipio de Palas de Rei (A Ulloa), que contará cun investimento de 900 millóns de euros na súa primeira fase.

Segundo informa a Consellaría de Economía a través do DOG, poderanse presentar alegacións durante o prazo de 30 días —a partir desta terza feira, 5 de marzo— sobre esta planta que está impulsada por Greenfiber S.L. —con domicilio social en Pontevedra e da que é conselleiro o CEO da enerxética coruñesa Greenalia, Manuel García Pardo—, a sociedade de Altri que se encargará de desenvolver o proxecto da primeira biofábrica de fibras téxtiles no Estado español a base de celulosa.

O Consello da Xunta declarou este proxecto industrial como estratéxico en decembro de 2022. A finais de 2023, a compañía presentou a documentación necesaria para a tramitación da autorización ambiental. Todo iso mentres diferentes entidades ecoloxistas alertaron nos últimos días do impacto ambiental que se derivará destas instalacións.

De feito, a Plataforma da Ría de Pontevedra cualificaba de "inaceptábel" —ao presentar alegacións diante de Augas da Galiza a pasada semana— que se someta a exposición pública o proxecto de captación de auga de forma separada ao proxecto industrial da pasteira portuguesa. Adega denunciaba tamén que a captación solicitada por Altri para a planta de Palas provocará "problemas de abastecemento", á vez que Ecoloxistas en Acción pedía denegar esta iniciativa que "ocupará tanto terreo como a extensión de Santiago de Compostela" e "precisará dun consumo diario de auga superior" á que emprega "toda a poboación de toda a provincia de Lugo no mesmo día".

Segundo se detalla na descrición do proxecto, a industria estará asentada na Leira de Quintas, na Vacariza, parroquia de Remonde. Os municipios veciños de Melide e Santiso e Agolada tamén se verán afectados polas infraestruturas de Altri. Tal e como informaba a pasada semana Nós Diario, as súas instalacións serán dez veces maiores que as de Ence en Pontevedra.

A planta terá unha capacidade de produción de 400.000 toneladas métricas de pasta secada ao aire anuais (ADt/ano), e de 200.000 toneladas de lyocel (tecido artificial e ecolóxico fabricado a partir de pasta de madeira de eucalipto, que se desenvolverá nunha fase inicial cunha produción de 250.000 ADt/ano de celulosa e 60.000 toneladas ao ano de lyocell. Como materia prima básica usaranse 1,2 millóns de metros cúbicos anuais de madeira de eucalipto.

Entre outras áreas da factoría haberá: preparación de madeira, liña de fibra, instalacións de produción de enerxía eléctrica, 'secapastas' e plantas de recuperación e produción de osíxeno e ozono. Os elementos de combustión contarán cunha caldeira de recuperación (500 megawatts térmicos), unha caldeira de biomasa (250 megawatts térmicos), turboxeneradores, forno de cal e caldeira de emerxencia.

Sobre o consumo de auga, inclúe un sistema de captación no encoro de de Portodemouros, municipio de Agolada (Deza), cun caudal de 46.000 m3/día. Haberá unha estación de bombeo, unha estrutura flotante e prevese captar auga potábel de pozos da Leira de Quintas e do río Ulla, entre outras cuestións. Para a subministración eléctrica, está proxectada unha liña soterrada de máis de nove quilómetros de lonxitude, con orixe na subestación de Melide, que transcorre tamén por Palas e Santiso.

E a respecto das verteduras, estipúlase que as augas residuais xeradas serán tratadas nunha estación de tratamento de augas residuais industriais con caudal de vertedura de 30.000 metros cúbicos por día. Outras intervencións que se inclúen neste anuncio asinado polo secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez Iglesias, pasan pola creación de accesos provisionais, con conexión por camiños ás estradas N-547 e LU-P-4001, mentres o acceso á autovía A-54 non está operativo.