O proxecto Aldearmos estrea o seu plan para dinamizar a cultura no interior

Noemí Vázquez, socia da rede e xerente do espazo A Arca da Noe; Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Óscar Penín, secretario da Rede Aldear e investigador do campus de Ourense; e Jacobo Sutil, director de Agadic, na presentación do proxecto Aldearmos. (Foto: UVigo)
Vilar de Santos acolle mañá o inicio do programa

O proxecto Aldearmos bota a andar este domingo no concello de Vilar de Santos. A iniciativa, presentada na cuarta feira no campus de Ourense, é unha proposta da Rede Aldear que, coa colaboración da Universidade de Vigo (UVigo) e de Agadic, busca dinamizar a cultura no rural galego.

A Rede Aldear está conformada por 15 empresas, iniciativas ou proxectos do ámbito sociocultural cuxas sedes se atopan no interior da Galiza e nace co obxectivo de “axudarnos mutuamente e traballar no eixo oriental por unhas aldeas vivas”, explica a Nós Diario o secretario da Rede Aldear, Óscar Penín

Aldearnos é un programa que, grazas ao apoio económico da UVigo e Agadic, se desenvolverá até marzo de 2023 a través de catro liñas de acción. A primeira é Aldear nas Escolas na que, en 18 xornadas, levarase a cabo un traballo nos centros educativos das aldeas do rural. A segunda é Aldear Acompaña, “unha oficina na que os membros da Rede con máis experiencia apoian persoas emprendedoras nos seus proxectos”, indica Penín.

Outra das liñas é Aldear Campus Auga, “un proxecto no que investigadores e investigadoras do campus de Ourense se desprazarán ás aldeas para explicar os seus traballos”, con temáticas “que van desde a arqueoloxía até a agricultura sostíbel”.

A última liña é Aldear Itinerancias, un programa de eventos e espectáculos en zonas rurais “no que membros da Rede intercambian as súas programacións”. Esta proposta “terá mínimo 10 xornadas, pero xa recibimos peticións para mantela”, sostén Penín.

O primeiro evento de Aldearnos comezará cunha conferencia do investigador de enxeñaría técnico agroalimentaria, David Fernández Calviño, sobre a substitución dos abonos químicos por outros naturais. A xornada continuará con diversas actuacións na Arca da Noe, unha das empresas vinculadas á Rede Aldear.

Penín explica que xa están aseguradas as itinerancias na Veiga, no Courel, en Nogueira de Ramuín, na Limia, nos Ancares e en Laza, coincidindo co Entroido. Ademais organizará un magosto na Ribeira Sacra. Aínda que o programa Aldearnos dure até marzo, “as liñas de traballo da Rede Aldear non teñen data de caducidade”, asegura Penín, mais resulta complicado levar a cabo o proxecto “sen a potencia que permite o financiamento” co que conta nestes momentos.