A alcaldesa de Lugo retira unha bandeira galega por estar "ligada" a "formacións políticas"

Unha persoa pendurando unha bandeira da Patria no cuartel de San Fernando.


A área de Alcaldía do Concello de Lugo informou na tarde da terza feira de que xa ordenou a retirada da bandeira da Patria, colocada no cuartel de San Fernando e a respecto da que o PP reclamara abrir unha investigación.

Nunha comunicación remitida aos medios, a alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, trasladou que "non se permite colocar bandeiras ligadas a formacións políticas en edificios públicos" e que, por tanto, mandouse "retirar".

A área de Alcaldía lamenta que o PP "non dedique o seu tempo para defender os intereses dos lucenses", facéndose eco da petición para que a Xunta "financie" a recuperación do cuartel como museo da romanización, un compromiso adquirido coa veciñanza e que "se nega a cumprir", a pesar de que é un BIC e os restos arqueolóxicos son de titularidade da Xunta.

"Resulta lamentábel que Feixoo marche a Madrid tamén sen cumprir este compromiso con Lugo e coa alcaldesa na reunión que mantiveron este mandato", recolle o comunicado enviado aos medios no que se informa da retirada da bandeira.

O PP reclama “sancións”

A reacción da alcaldesa chega após o Grupo Municipal do PP emprazala a “identificar e sancionar” as persoas que colgaran a bandeira no inmóbel.

Os populares fixeron chegar aos medios unhas fotografías “nas que se ve un grupo dunhas oito persoas que portaban bandeiras mentres un deles subía a unha escaleira para colocar na fachada do cuartel, catalogado como BIC, unha desas bandeiras independentistas mentres o resto o animaba”.

O PP reclama unha investigación ante o que considera unha “provocación”, un “acto premeditado que se fixo a plena luz do día”.